Parlamento Galego

O PP cualifica de “capricho” pedir que se paralice o vertedoiro de Lousame

mini
  • O PP tumba a inciativa do BNG que pedía parar o proxecto do futuro vertedoiro de residuos industriais en Lousame
  • O nacionalista Xosé Luís Rivas afirmou que o Goberno  “está obrigado a cumprir a Lei” e a propia conselleira de Medio Ambiente, en sesión plenaria, comprometeuse a parar o proxecto  afirmando que  no caso de existir “un só informe negativo” o vertedoiro “non iría adiante”

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) lamentou hoxe que o Partido popular non aceptara a proposición non de lei nacionalista que incluía tres puntos: “Denegar o permiso pertinente da Consellería de Medio Ambiente, paralizar o proxecto en Lousame ou en calquera outro punto da Comunidade Autónoma Galega e mudar o sistema SOGAMA de tratamento de lixo, tanto industrial como urbano por ser un sistema anticuado, ineficaz e altamente contaminante, por unha nova política baseada na Redución, Reutilización e Reciclaxe, impulsando a compostaxe”.

Na comisión de Medio Ambiente, celebrada hoxe no Parlamento galego, o deputado nacionalista explicou que o macro vertedoiro ocupará 20 hectáreas e durante a súa vida útil de 10 anos recibirá 700.000 toneladas. Aínda que o proxecto asegura que se trata dunha instalación de reciclaxe a súa verdadeira función, recalcou o nacionalista é  “soterrar a maior parte do lixo no citado vertedoiro”.

Ademais, dixo, Rivas, “tampouco xerará postos de traballo” polo que non reverterá economicamente na comarca.

Pola súa parte, o portavoz popular, Martín Fernández Prado respondeu que o goberno non pode paralizar o proxecto porque segue o seu curso legal e achacou a petición do BNG “a un capricho”. Sobre a cuestión de SOGAMA , outro dos puntos aos que facía referencia a iniciativa defendida por Mini, acusou á oposición de estar “obsesionados” con este modelo. O portavoz popular afirmou que parar o proxecto do vertedoiro de Lousame sería pedir ao goberno que cometera “unha ilegalidade” polo que anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista.

Na quenda de réplica, Xosé Luís Rivas, (Mini) rexeitou as acusacións do portavoz popular. “O BNG non está obsesionado,dixo, o BNG pretende que o Goberno do Partido popular inicie políticas de futuro no tratamento de residuos abandonando os soterramentos indiscriminados”.

O parlamentario cualificou de “obviedade” o posicionamento do grupo popular en canto a emenda presentada á Proposición non de lei porque, na súa opinión, se reduce a que a consellería faga cumprir a legalidade vixente, ao que por outra parte, remarcou, “está obrigada” e o BNG incide neste tema porque existen exemplos “abondosos e notorios de conculcación da legalidade medioambiental por todo o país”.

Finalmente BNG e PsdG-Psoe transaccionaron unha emenda ao texto nacionalista que foi rexeitado polo grupo maioritario do Partido popular.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG