A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou “todo o cariño, toda a solidariedade e todo o apoio” do BNG ás persoas que están sendo afectadas en diversas zonas do Estado, especialmente en Valencia, por unha dana que, lamentou, “está deixando unhas cifras catastróficas”.
A líder nacionalista cancelou a rolda de prensa que tiña prevista para facer unha breve declaración de apoio ás e aos afectados, un cariño que trasladou de xeito especial a Valencia, “que está vivindo a peor parte deste drama”, e que estendeu a todas e cada unha das zonas afectadas, “a todas e cada unha das persoas que están vivindo esta situación que é realmente dramática”, subliñou.
“Encóllesenos o corazón ante as imaxes que estamos vendo e ante os datos que estamos coñecendo sobre a dimensión que ten esta catástrofe, sobre todo en vidas humanas, en persoas desaparecidas”, afondou Pontón, quen incidiu en trasladarlles todo o apoio e solidariedade do BNG. “Queremos dicirlles que aquí está a nosa man tendida para poder axudar no que sexa necesario”, recalcou.
A portavoz nacional tamén fixo un especial recoñecemento ao labor imprescindible que realizan as persoas que traballan nos servizos de emerxencia, ás que enviou “toda a forza nun momento tan difícil” no que elas tamén “se están xogando a súa vida para salvar a vida dos demais”.
De igual xeito, trasladou todo o apoio do Bloque á Xunta para que envíe “todos os medios que sexan necesarios” para axudar nun momento tan duro e tan dramático.
Pontón rematou a súa declaración por onde empezou, reiterando “toda a solidariedade ás persoas que están sufrindo directamente as consecuencias desta terrible dana” e tendendo a man “ás persoas que viron como seus familiares desaparecen”.
“Quero que saiban que estamos con eles, que estamos con elas, e que desde Galiza lles enviamos todo o noso cariño, toda a nosa solidariedade e todo o noso apoio”, concluíu.