A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou co candidato á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, O Castiñeiro no que a área de goberno do BNG desenvolveu unha ampla rehabilitación e humanización dun dos barrios máis poboados da capital lucense.
“Neste barrio temos un exemplo de libro do modelo municipal de éxito do BNG, un modelo que ten como principais sinais de identidade a humanización do espazo público a través dun urbanismo sustentable que coloca ás persoas no centro”, salientou Pontón, durante o percorrido, subliñando que os gobernos municipais do Bloque, conciben o espazo público “como un dereito da cidadanía”.
“Construír barrios onde poidamos camiñar con tranquilidade, nos que os nenos e as nenas xoguen libres do risco dun coche, cun espazo de máis calidade, máis verde, máis sustentable, máis habitable para as persoas, como neste caso no Castiñeiro, porque o obxectivo é unha cidade máis inclusiva, onde a veciñanza desfrute dun entorno de calidade, viva no barrio que viva”, argumentou Pontón.
O BNG constrúe “cidades que coidan das persoas” a través dun urbanismo humanizado e, ao mesmo tempo, ese modelo municipal que aplica onde goberna como fai en Lugo, tamén da solucións a grandes como o cambio climático. No caso concreto do Castiñeiro, a actuación incluíu a planta de centos de árbores, creando refuxios térmicos para a veciñanza ante o aumento das temperaturas.
“Vemos como as cidades teñen que preparase para o cambio climático e o feito de gañar espazos con máis verde e onde as árbores teñan un lugar preponderante nas nosas cidades é importante para prepararnos cara ese cambio climático que, evidentemente, aquí xa se nota, porque cada vez os veráns son máis cálidos e cremos que gañar espazos públicos nesa dirección é o que se necesita”, salientou.
Para seguir avanzado nun modelo de cidade que pon ás persoas no centro, “precisamos máis BNG no concello de Lugo e precisamos un goberno liderado por Rubén Arroxo como alcalde tras o próximo 28 de maio”, proclamou, “e estou segura que vai ser así porque foi o BNG o auténtico motor de cambio e de transformación en positivo da cidade”.
“O avance do BNG en Lugo é imparable, igual que no resto de Galiza e por iso estou convencida de que imos obter un resultado histórico nesta cita electoral, con máis concelleiros e concelleiras, alcaldesa e alcaldes, entre eles o propio Rubén”, subliñou Pontón, tras visitar a rehabilitación do espazo público do Castiñeiro.
Pola súa parte, Rubén Arroxo destacou que neste mandato o BNG desde o Goberno de Lugo apostou por poñer en valor o espazo público no casco histórico da cidade, ao mesmo tempo que mantiña o equilibrio cos espazos de todos os barrios da cidade. Neste sentido destacou o traballo realizado no barrio do Castiñeiro, "garantindo que as veciñas e veciños teñan un espazo digno".
Arroxo afirmou que "esta zona é un exemplo do que hai que facer e do que imos seguir a facer no vindeiro mandato". O candidato do BNG explicou que o Castiñeiro é o barrio con máis densidade de poboación da cidade de Lugo, "ao principio do mandato, o Castiñeiro contaba con pouco espazo público ben utilizado, convertemos a zona e agora a veciñanza conta con zonas de sombra e pequenos espazos de convivencia"
"Todos os barios teñen que ter zonas de convivencia e servizos para a veciñanza", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "imos aplicar este modelo no vindeiro mandato, coa alcaldía de Lugo, transformando a Lugo na cidade dos 5 minutos" O candidato do BNG destacou "a importancia de contar con espazos peonís axeitados en todas as zonas", e afirmou que "desde o BNG seguiremos traballando para que as persoas sexan o centro da mobilidade en Lugo, e a partir do 28 de maio continuaremos a executar este modelo nas zonas da cidade onde sexa posible".