A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou a Alfonso Rueda de pretender que os galegos e as galegas paguen a Audasa 1.450 millóns de euros máis do que lle corresponde polo rescate da AP9, un total de 2.355 millóns, cifra moi superior aos 904,7 millóns que conclúe o informe que o BNG encargou á UDC, pero que é a estimada polo estudo que a Xunta pagou a unha consultora que, curiosamente, traballa directamente coa propia concesionaria.
Pontón pediu explicacións ao presidente da Xunta na sesión de control parlamentaria por “querer regalarlle a Audasa 1.450 millóns de euros de máis polo rescate da AP9 do que lle correspondería”, en base a un informe que “non é neutral”, dado que a empresa autora do mesmo “traballa sistematicamente” coa concesionaria, nun “claro conflito de intereses”.
De feito, engadiu, nin sequera se recoñece, tal e como ditamina a Comisión Europea, que a prórroga da concesión é ilegal nun estudo encargado “a dedo” que, ademais, custou 17.918 euros ás arcas públicas, “nada menos que 448 euros por páxina, incluído o índice”, denunciou nun contexto no que precisamente a Comisión abre co seu ditame a oportunidade de poñer fin “á estafa das peaxes” na autoestrada galega.
A líder nacionalista contrapuxo este informe ao encargado polo BNG á UDC, que conclúe que Audasa non ten dereito a indemnización por lucro cesante, xa que se trata dun contrato ilegal, e que, en consecuencia, rebaixa a 904,7 millóns o custe do rescate, por ser este o valor de mercado da AP9, é dicir, o que un terceiro estivo disposto a pagar pola AP9 en 2018 actualizado co IPC e non tería ningún sentido pagar máis que os fondos voitre que compraron Audasa.
“Polo tanto, nin os 4.500 millóns que dicía Rajoy, nin os 6.000 que di Sánchez, nin tampouco os 2.355 millóns do informe que encargou a Xunta, que casualidade, a unha empresa que ten vínculos con Audasa”, reprochou, para recalcar a continuación que o informe encargado polo BNG determina que o rescate da autoestrada “non só é viable, senón que é a opción máis barata tanto para as arcas públicas como para os galegos e as galegas”.
A portavoz nacional amosou deste xeito a súa preocupación por que o Goberno do PP “pretenda seguir regando con cartos públicos os beneficios” da empresa concesionaria e, neste sentido, reclamou a Rueda que “deixe de rirse dos galegos e das galegas” e explique se, con ese informe, pensa “nos intereses de Galiza ou nos de Audasa”.
A portavoz nacional reprochou de igual xeito ao PP o seu “legado” aos galegos e ás galegas, que xa poderían estar circulando de xeito gratuíto pola AP9 e non pagando “unhas peaxes que son unha estafa”, pero que non poden facelo porque no ano 2000 o Goberno presidido por Aznar aprobou unha ampliación da concesión de 25 anos, “deixándonos unhas peaxes até o 2048”.
Carnés de bos e malos expertos
Pontón reprendeu ao titular do Executivo por cuestionar a profesionalidade dos expertos que redactan os informes en función de se as conclusións son coincidentes ou non co seu argumentario.
“Cando os expertos son ex deputados que fan informes que vostede considera que lle dan a razón, carné de bo experto; pero cando os expertos son ex deputados que non lle dan a razón ao Partido Popular nin a Audasa, carné de malos expertos”, replicou, ao que pediu “seriedade e respecto” aos profesionais que elaboran os distintos estudos.
Tras lembrar que foi o PP quen ademais privatizou a autoestrada a prezo de saldo, denunciou o currículo político dos populares nesta cuestión. “Levan décadas boicoteando tanto a transferencia como o rescate da AP9 e aínda teñen a desvergoña de criticar ao BNG por conseguir descontos históricos nas peaxes, cara de cemento armado”, criticou a un PP no que, dixo, “aínda non escoitei a ninguén do PP perdirlle perdón aos galegos e ás galegas, tampouco a vostede señor Rueda, vaino facer hoxe?”, interpelou.
A favor de Audasa, en contra de Galiza
A concesionaria está facendo caixa cunha prórroga ilegal que autorizou o PP no ano 2000 pero cuxas consecuencias están ben presentes e sofren no seu peto cada día miles de persoas usuarias da infraestrutura, “e nin 24 anos despois, é capaz de criticar o que decidiu o centralismo en contra de Galiza”, criticou ao titular da Xunta.
“O que me preocupa é que con cartos públicos pretenda seguir regando os beneficios de Audasa, que sigan sen pedirlle perdón aos galegos e ás galegas por facernos pagar máis peaxes que o resto do Estado para que as multinacionais fagan caixa con este País e, isto, señor Rueda, non é o pasado, é o presente de hoxe en día”, concluíu.