Ana Pontón

Pedro Sánchez atopará no BNG unha forza disposta a sentarse e a falar, pero tamén un muro firme na defensa de Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón
Afirma que Néstor Rego será  a voz propia de Galiza no Congreso e agradece o apoio ás  120.000 galegos e galegas  que confiaron nun BNG capaz de frear á extrema  dereita “antigalega, machista e racista” en Galiza

Tras a xuntanza do Consello Nacional do BNG,  a portavoz nacional, Ana Pontón ao igual que fixera o pasado domingo na  noite dos resultados electorais, agradeceu o apoio aos más de 120.000 galegos e galegas que confiaron no BNG para converter o escano de Néstor Rego “no escano de Galiza” e para  frear  a extrema dereita “antigalega, machista e racista”, en Galiza.

Ante as negociacións que se iniciarán na vindeira semana en Madrid, Pontón recalcou que o BNG dialogará pero advertiu a Sánchez que “dialogar non é compartir con outro un monólogo”. O BNG,  será un “muro firme na defensa de Galiza”  e apelou a que Sánchez aproveite esta oportunidade porque a cidadanía, augurou , non lle vai regalar “unha terceira”.

O voto do BNG supeditado  a unha  axenda galega

O resultado do 10N, explicou a nacionalista, deunos unha gran responsabilidade e queremos deixar claro o noso  punto de partida  cara o debate de investidura.

Ultimamente moitos medios de comunicación fan quinielas sobre cal será a posición do BNG pero a día de hoxe, “non está decidido” porque o noso voto estará “condicionado á receptividade da axenda galega, a poñer freo á involución democrática  e contra  os  recortes de dereitos e  liberdades”.

De momento, só sabemos unha cousa, PSOE e Podemos non chegaron a un acordo  en Abril  porque non quixeron e o que  que non foi posíbel durante meses, conséguese en menos de 48 horas, iso si,  fixeron falta unhas novas eleccións nas que lle puxeron “unha alfombra vermella á extrema dereita”, criticou.

“O noso enfoque está claro: actuaremos con altura de miras, sen liñas vermellas pero  sen dar cheques en branco, e poñendo por diante a axenda galega, a defensa da democracia, dos dereitos e das liberdades”, reiterou.

A partir da semana que vén, empezaremos un proceso que pivotará Néstor Rego e o   resultado desas negociacións determinarán a posición do noso  voto. 

Escenario político galego, o BNG nucleará o cambio no 2020

Para Pontón o resultado electoral do 10n puxo de manifesto que o BNG  é a forza política emerxente en Galiza  e “imos ir a máis”. A segunda conclusión e que o Partido popular está no segundo peor resultado da súa historia e fronte a isto,  “o BNG e a única forza con proxecto de País e sen subordinacións”.

Con estes datos, asegurou  a líder nacionalista,  “hoxe Feixóo non sería presidente e o PP non gobernaría Galiza, o PP non remonta” e por iso   temos que traballar desde hoxe no obxectivo de que se produza un cambio político en 2020. Un cambio que debe   nuclear o BNG porque somos a “garantía de que haxa cambio real e non recambio”.

Ante a vindeira convocatoria electoral en Galiza Pontón avanzou que o Consello Nacional aprobou hoxe iniciar o proceso de designación da Candidatura á Presidencia da Xunta. Un proceso no que  “é a militancia quen decide” e que culminará a principios do mes de  xaneiro.

Temos moitos retos por diante, pero estou certa de  que unha vez máis imos estar á altura do que Galiza necesita de nós. Con humildade, con principios e  cun sorriso, porque non o esquezades, “o mellor está por vir”.

Néstor Rego, deputado do BNG con capacidade, visión política, rigor e seriedade

A portavoz nacional do BNG concluíu a súa intervención agradecendo a excelente campaña da militancia, colaborador@s, persoas sen carné do BNG e  dos candidatos e candidatas e de maneira especial, aos e ás cabeza de lista, Carme da silva, Paco García, Olalla Rodil e Néstor Rego que  demostraron a capacidade do nacionalismo.

Grazas a  este traballo colectivo conseguimos un obxectivo importante,  “Galiza volve a ter voz propia” e resulta unha garantía que a nosa voz sexa unha persoa como Néstor Rego pola súa  capacidade, visión política, rigor e seriedade. “Néstor, vas ter moito traballo, pero que saibas que imos estar todas e todas empuxando  ese escano que é o escano de Galiza”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG