O BNG pide á Xunta que reclama a AENA un servizo sanitario adecuado no aeroporto de Lavacolla. Un novo caso rexistrado cun pasaxeiro constata a denuncia do BNG no Parlamento galego e a advertencia de futuros casos ante a carencia sanitaria nesta infraestrutura.
A deputada do BNG, Noa Presas afirma que o aeroporto de Lavacolla debe contar cunha prestación sanitaria adecuada sobre todo en circunstancias de gran afluencia de viaxeiros e viaxeiras e por “segunda vez nun mes, foron as persoas usuarias as que atenderon a un viaxeiro enfermo ante a carencia de medios sanitarios”.
Para a deputada, a estratexia privatizadora de AENA e os seus servizos trae consecuencias negativas para o desenvolvemento das actividades do aeroporto de Santiago de Compostela, tamén no ámbito da garantía da saúde polo que volveu a denunciar que “a intención de AENA é limitar a asistencia médica dos aeroportos de 4 millóns de pasaxeiros”. Neste sentido, lembrou que Galiza non chegou a esa cifra, nin vai chegar inmediatamente, pero está claro que ten unha tendencia de aumento e a desatención deste servizo, provoca problemas “como xa estamos a ver con dous novos casos de usuarios que precisaron asistencia sanitaria”.
Para a deputada, a Xunta “debe implicarse e garantir servizo sanitario público no aeroporto que cubra as 24 horas”.