O conflito na Xustiza galega, combater a desigualdade laboral e a violencia de xénero, sancionar ás empresas que non garantan a equidade entre homes e mulleres e crear unha “Valeduría” que vele polos dereitos das mulleres, ocuparán grande parte das intervención do grupo parlamentar do BNG na vindeira sesión plenaria.
Trala xunta de portavoces, a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil pediu a Feixóo que “escoite as demandas que a cidadanía reclama nas rúas” porque o goberno dixo, “non pode facer ouvidos xordos a estas reclamacións” entre as que destacou: o conflito na xustiza galega, o rexeitamento da megamineria en Touro, as protestas das persoas pensionistas e os recortes nos servizos públicos.
O BNG PIDE QUE O GOBERNO ACTUE E NEGOCIE CO PERSOAL DE XUSTIZA
Neste sentido, explicou que ademais de solicitar a comparecencia do Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda para explicar a postura do goberno en relación á folga xeral das traballadoras e traballadores da xustiza, o BNG propuxo “unha declaración institucional” do Parlamento, de “maneira unánime” para instar ao goberno a actuar con “sensatez e abandonar a prepotencia” co fin de retomar as negociacións no marco do Consello galego de Relacións laborais cos representantes dos traballadores e traballadoras da xustiza. Rodil lamentou que, unha vez máis, o Partido popular rexeitara a proposta impedindo que prospera. A viceportavoz nacionalista avanzou que o BNG volverá a reclamar a petición de retomar as negociacións co persoal de xustiza.
8 DE MARZO, FOLGA INTERNACIONAL DAS MULLERES
Ante as portas da celebración do 8 de Marzo, Rodil lembrou que o vindeiro domingo, 4 terá lugar a manifestación do Día Internacional das mulleres, na cidade de Vigo contra a brecha salarial e a desigualdade. O BNG levará ao pleno do Parlamento unha proposición non de lei para incorporar na lexislación sancións económicas dirixidas a aquelas empresas que non garantan a equidade salarial entre mulleres e homes e que polo tanto, incumpran a lexislación.
Ademais, pedirá crear unha Valeduría dos dereitos das mulleres, como xa existe en Islandia. Un organismo público encargado de velar polo cumprimento da lexislación e ao que as empresas teñan que remitir, de acordo coas recomendacións da Comisión Europea, información desagregada por xénero das táboas salariais, “non só do salario total senón dos complementos e categorías”, porque un dos principais problemas que nos atopamos para detectar situacións de discriminación salarial, afirmou “é a falta de información e opacidade coa que actúan as empresas”. Desde o BNG, recalcou a nacionalista, “cremos que impulsar este organismo permitirá garantir na práctica os dereitos xa recollidos na lexislación”.
SOBRA MES E FALTAN RECURSOS
A viceportavoz do BNG lembrou que as persoas pensionistas reclaman unha suba das pensións que lles garanta unha calidade de vida digna e poder acabar o mes con recursos económicos e non soportando que en Galiza as pensións sexan as máis baixas do Estado o que provoca, dixo, que “lles sobre mes e lles falten recursos económicos”. Dende o BNG, queremos poñer no centro do debate político que o “presidente escoite á cidadanía, e a eses colectivos que de maneira constante se están a pronunciar nas rúas en contra das discriminacións salariais, por razón de xénero pero tamén as que recolle a reforma da Lei de Saúde do Partido popular”.
Finalmente, o BNG preguntará polo contrato de Turismo cunha UTE por valor de 3 M€ para promocionar durante 2018 o Xacobeo 2021, “unha contratación a dedo e sen concurso público” e cunha “flagrante falta de transparencia”. Preguntaremos porque se optou por este modelo cando a Xunta só destinará 280.000 euros para todos os festivais do ano 2018. Ademais, o BNG interpelará á conselleira de Infraestruturas en relación coa AP-9. Esixiremos “responsabilidades ao Goberno galego” pola inauguración dunhas obras “inacabadas” na ponte de Rande co fin de subir as peaxes.