Olalla Rodil: “Non é de recibo que a Igrexa converta o Pórtico da Gloria nunha máquina de facer cartos”

Pórtico da Gloria (Foto: Fundación Barrié)
Pórtico da Gloria (Foto: Fundación Barrié)

Critica a inacción da Xunta  e lembra que a restauración e o mantemento da Catedral de Santiago faise case na totalidade con recursos públicos

O BNG trasladou ao Parlamento a decisión da Fundación Catedral de cobrar unha entrada de dez euros por visitar o restaurado Pórtico da Gloria na Catedral de Santiago, para pedirlle á Xunta que interveña na fixación deste prezo, -que considera unha “esaxeración”-, tendo en conta que o Goberno galego ten un convenio asinado desde 2015 co Cabildo e coa citada fundación por importe de 17 millóns de euros.

“Non quero ofender a ninguén, pero aquí convida a Igrexa pero pagar pagamos todos e todas”, salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, “entendendo que as persoas visitantes, galegas ou de fora, teñamos que asumir algún custe para o mantemento desta obra. Pero dez euros como entrada ordinaria parécenos esaxerado, unha barbaridade para os galegos e as galegas que, ademais, xa pagaron o groso dos traballos de restauración e de mantemento da catedral de Santiago”.

O Bloque considera razoable que haxa unha entrada para contribuír a sufragar o mantemento da rehabilitación, pero a tarifa de dez euros “é un abuso” que só agocha a intención da Fundación Catedral de “facer caixa a costa dunha xoia artística”. Tendo en conta ademais que a práctica totalidade dos fondos para a conservación e restauración do templo proceden das arcas públicas, -basicamente do Estado-.

No caso concreto do Pórtico da Gloria, os recursos foron aportados pola Fundación Barrié, así como un mínimo de 200.000 euros da Xunta para servizos técnicos, por iso critica a inacción do Goberno galego, que se escuda no argumento de que a Catedral compostelá é unha propiedade privada.

Rodil tamén criticou o procedemento da Fundación Catedral que, dun xeito unilateral e mesmo de costas ao Cabildo, anunciou o cobro da entrada cun prezo inicial de doce euros “que finalmente quedou en dez polo contestación pública”. “Non é de recibo desde ningún punto de vista que o Pórtico da Gloria sexa convertido pola Igrexa nunha máquina de facer cartos. Hai que ter en conta que a estimación de gastos de conservación desta obra é de 200.000 euros, pero os ingresos superarían os 700.000 euros nunha estimación á baixa. Non se pode impoñer un imposto aos galegos e as galegas para ver unha peza artística de primeiro orde na historia deste país”, concluíu Rodil.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG