- En Ourense quedaron sen praza nas escolas infantís 147 nenas e nenos. “O BNG”, afirmou Presas, “mudará esta situación coa creación de máis escolas públicas en todo o país”
“Durante os oitos anos do PP na Xunta seguiuse unha política educativa de eliminación sistemática do ensino público e progresiva substitución polo ensino privado”, dixo esta mañá Noa Presas, a cabeza de lista do BNG por Ourense, durante un acto informativo diante dunha das escolas infantís da cidade. “O PP de Feijóo leva oito anos aplicando políticas de eliminación do ensino público, mentres promociona cos cartos de todos a ensinanza privada”, insistiu Presas antes de indicar que “só nos últimos 5 anos suprimíronse en Galiza 59 centros públicos e 411 unidades escolares, mentres crecían as subvencións ao privado onde se aumentaron 243 unidades”.
A número 1 da candidatura nacionalista sostivo que, no caso de Ourense, e no referido as escolas infantís, 147 familias non terán este ano a posibilidade de conciliación familiar porque “o goberno do PP recortou recursos nestes centros e non se atende a toda a demanda de prazas”. Na provincia, dixo Presas, faltan 26 prazas no Carballiño, 10 en Ribadavia, 6 en Xinzo e 105 prazas entre as dúas escolas da capital. As 23 escolas infantís da provincia non cobren as necesidades das familias, “é un xeito máis de desincentivar a natalidade”, subliñou Presas que apuntou que “coma noutros ámbitos, o PP di unha cousa pero na realidade fai a contraria”.
“O BNG”, afirmou Presas, “mudará esta situación coa creación de máis escolas públicas en todo o país”.
Noa Presas participou pola tarde nun encontro aberto coa veciñanza de Seixalbo, no que estivo acompañada pola activista veciñal Gloria Viana e membros da lista do BNG ao Parlamento galego por Ourense.