A portavoz de Economía, Noa Presas, lamentou que a posición do presidente da Xunta, “entre ausente e indiferente”, impida que Galiza presente unha proposta oficial de novo modelo de financiamento autonómico, “pese a que de ese financiamento dependen cuestións tan relevantes a sanidade, educación ou servizos sociais”.
Presas lembrou que o modelo actual, co apoio de Feijóo, discrimina a Galiza e apenas ten en conta cuestións como o avellentamento ou a dispersión da poboación, e criticou que aínda nada se saiba da proposta do Goberno da Xunta, “se é que hai algunha”.
“O Parlamento non ten información porque Feijóo bota balóns fóra e, nin comparece, nin remite documentación”, reprochou a deputada, quen tamén interpelou ao Executivo pola posición en relación ao pago da débeda histórica do Estado con Galiza.
Na súa intervención, Presas salientou a vontade de diálogo do BNG e fixo unha pregunta ao conselleiro de Economía. “Señor Martínez, onde paga os seus impostos? Eu á facenda española, polo tanto preocúpame o reparto que esta faga. Penso que vostede, como cotizante e máis aínda como conselleiro da área, debería ter un pouco máis de responsabilidade e preocuparse onde van os nosos impostos e se o que nos transfiren desde o Estado chega para financiar servizos básicos”, argumentou.
“Desde o BNG esixímoslle que por respecto a este Parlamento e a este país traian a avaliación do comité de expertos e debatamos sobre como está o escenario de negociación e que temos que facer para que Galiza gañe e non volva perder”, demandou.
Presas deixou clara a posición do Bloque: “Os recursos que o Estado destina ao financiamento son insuficientes para financiar piares básicos da nosa sociedade como a educación, a sanidade ou os servizos sociais, cuxas necesidades de gasto se intensificaron durante a crise económica”, indicou, tras denunciar que desde 2009 Galiza deixou de percibir 9.088M€, “cifra similar ao dun orzamento anual da Xunta”.
Por iso, a formación nacionalista defende un concerto económico con banca e facenda galegas porque para que haxa redistribución “temos que executar unha política fiscal deseñada e xestionada desde Galiza”, concluíu.