A deputada por Ourense, Noa Presas, volveu levar á Cámara un paquete de medidas para acabar coa discriminación que soportan as persoas que utilizan a liña avant Ourense-Santiago-A Coruña, que o PP rexeitou, incluída a proposta de reducir cando menos nun 30% o prezo do billete de tren.
A cidadanía das Burgas paga até un 60% máis por este traxecto que cando ese mesmo tren Avant fai o percorrido A Coruña-Santiago-Vigo.
Presas lembrou o acordo acadado pola Cámara fai máis dun ano no que, ademais desta petición, tamén se incluía unha mellora nos horarios, reformular as condicións de uso do bono ferroviario e ampliar as frecuencias horarias na liña rexional entre Ourense e Santiago. Ningunha se fixo efectiva nin polo goberno de Mariano Raxoi, nin polo de Pedro Sánchez, denunciou Presas.
A proposta do Bloque reclama igualmente a transferencia en materia de ferrocarril interior e a creación dunha compañía pública ferroviaria galega, para xestionar este servizo en todo o país apostando pola cohesión territorial de toda a poboación.
Para Presas, as tarifas do Avant “son unha mostra clara do agravio e da discriminación en materia ferroviaria que aplican os diferentes gobernos centrais, do PP e do PSOE, con Galiza, que afectan de forma máis intensa ao interior do país”, indicou. A deputada subliñou que, lonxe de corrixir este agravio, agravouse a situación pois máis dun ano despois de aprobado o acordo da Cámara non houbo avance algún e o tarifazo avant agravouse con novos incrementos no prezo do billete.
Na súa iniciativa parlamentaria, Presas tamén fixo fincapé no abandono do trazado vellos da liña ferroviaria, que deixa sen alternativa por tren a moitas localidades da provincia de Ourense. “En lugar de gañar conexións, perdémolas”, recalcou, pois fai unha década o tren rexional conectaba Ourense coa capital de Galiza dando servizo a concellos como Maside, O Carballiño, O Irixo, Lalín, Bandeira ou A Susana.
“A rede vella está infrautilizada cando se debería fomentar o seu uso polas vantaxes do transporte por tren en termos ambientais e de comodidade e seguridade para as persoas”, indicou. Pese ao veto do PP, o Bloque seguirá pelexando en todos os ámbitos para acabar coa discriminación que soporta Ourense en materia ferroviaria.