A deputada por Ourense Noa Presas reclamou no Parlamento a apertura inmediata do albergue de peregrinos previsto na rúa da Barreira, cuxa posta en funcionamento foi anunciada para 2017 tanto por parte da Xunta como do Concello, e lamentou que esta apertura se demore aínda ata o verán, -segundo novo prazo facilitado pola Xunta a preguntas do Bloque-.
A deputada ourensá avisa que estará vixiante para evitar novos incumprimentos e discriminacións coa cidade, tras este novo prazo de apertura do equipamento, ademais de reprochar a opacidade do Goberno galego que non facilitou información algunha ata que o BNG lle pediu explicacións en sede parlamentaria.
“Lamentamos a confirmación deste novo atraso nun albergue tan necesario para Ourense. É urxente que se abra canto antes, que se informe aos operadores turísticos para que podan facer unha programación adecuada e contribuír a dinamizar a zona vella da cidade”, salientou Presas, quen tamén criticou o feito de que, “nin Nava Castro como directora xeral de Turismo, nin Jesús Vázquez, como alcalde de Ourense, tivesen dado información algunha unha vez coñecidos o atraso na posta en funcionamento. O BNG estará vixiante para que se cumpra o compromiso con Ourense e non asistamos a un novo agravio da Xunta coa nosa cidade”, recalcou.
Presas salientou a importancia deste equipamento tendo en conta que a cidade recibiu máis de 9.000 visitantes tras realizar a Ruta da Prata dentro do Camiño de Santiago, afluencia que motivou que no 2016 Xunta e Concello chegaran a un acordo para reformar un emblemático edificio no epicentro da zona vella e a carón das Burgas, cun investimento de 615.754,48 euros.
A deputada salientou que a posta en funcionamento deste equipamento aportará dinamismo social e económico ao casco vello, nas inmediacións do Concello, “zona que sufriu o parón provocado pola crise económica e no que están ubicados aínda moitos edificios en estado ruinoso que danan a imaxe da cidade e fan que a zona perda potencial”.
O Bloque insiste en apurar a apertura do albergue e traballar desde agora mesmo cos operadores turísticos, tendo en conta que “o Camiño de Santiago e a ruta da Prata están cada vez máis desestacionalizados e debemos favorecer a boa organización deste tipo de visitantes”. Segundo os datos do Concello de Ourense sobre o uso da Oficina de Turismo, en 2017 foron 1.126 peregrin@s @s que entraron a consultar polos atractivos turísticos da cidade, a maioría procedentes de Aragón, Andalucía e Madrid.