congreso

Néstor Rego sinala que o Goberno “pode e debe” cumprir con Lugo aínda cos orzamentos prorrogados

Visita Lugo
Visita Lugo

Néstor Rego avanza que a vindeira semana terán unha reunión da comisión de seguimento do Acordo de Investidura: “hai capacidade para impulsar as cuestións recollidas para 2024”

Rubén Arroxo afirma que o BNG seguirá a traballar para “exixir que se cumpran os compromisos que ten o Goberno con Lugo”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, sinalan que o Goberno do Estado ten os mecanismos suficientes para cumprir os compromisos pendentes con Lugo, a comezar por rematar coa illamento ferroviario. Acompañados polas deputadas, Olalla Rodil e Montse Valcárcel, e membros do BNG de Lugo, Rego avanza que a vindeira semana terán unha reunión da comisión de seguimento do acordo para que o Goberno cumpra con Lugo cos orzamentos prorrogados.

Rubén Arroxo, tenente de alcalde do Concello de Lugo, avanza que o BNG traballará para “exixir que se cumpran os compromisos que ten o Goberno con Lugo. Porque é sabido que Lugo ten unhas necesidades moi importantes a ese respecto”.

 “O BNG aposta por un futuro sustentábel para o noso País e aposta, por tanto, por servizos de transporte público e particularmente por aqueles máis sustentábeis como é o ferrocarril” destaca Rego. Tanta aposta, continúa, que en todos os acordos se conseguiu avanzar na modernización da rede ferroviaria interior, conseguindo por exemplo a electrificación da vía Lugo-Ourense.

No último acordo asinada, algunha das cuestións que estaban previstas para 2024 como é “o estudo operativo para a modernización da liña entre A Coruña e Lugo que é esencial para esta cidade e o conxunto do País” ou como “o by-pass de Betanzos” e o impulso para o “estudo sobre a viabilidade –que nós estamos convencidos que existe- para a conexión entre Santiago e Lugo”. Esta última, subliña o deputado do BNG, permitiría conectar Lugo co resto do País e que sería fundamental non só para o transporte de pasaxeiros senón tamén para as mercadorías.

A pesar da “decisión unilateral” do Partido Socialista de renunciar aos orzamentos do Estado para este ano, é posíbel “facer as modificacións necesarias no Orzamento prorrogado para levar a cabo as cuestións recollidas no acordo de investidura para 2024”. O deputado do BNG, Néstor Rego, avanza que a vindeira semana terán unha reunión da comisión de seguimento do Acordo de Investidura. “Nós estamos absolutamente convencidos de que é posíbel que estes compromisos se poden executar” destaca.

“Estamos a falar de partidas que nos orzamentos prorrogados hai capacidade suficiente como para poder licitar eses estudos e para os de 2025 incorporar partidas específicas para executar as actuacións deses estudos” asevera Rego. O BNG, anuncia, “seguirá traballando para Lugo non fique atrás, non quede marxinada, e para que Lugo teña as infraestruturas que lle corresponde”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG