congreso

Néstor Rego pon en valor o traballo realizado polo BNG para a recuperación da última conexión entre Lugo e Ourense

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego: “RENFE recupera a conexión Ourense-Lugo suprimida hai 10 días. O labor do BNG, sempre útil para Lugo e para a Galiza”

“Seguiremos a traballar para que o Goberno do Estado asuma novos compromisos con Lugo e impulse as comunicacións lucenses” asevera

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, valora positivamente a rectificación do Ministerio de Transportes a respecto da supresión da última conexión entre Ourense e Lugo após a xestión e a presión política exercida pola súa organización política. Neste sentido, RENFE decide recuperar a conexión suprimida hai 10 días e Rego pon en valor o labor realizado polo BNG, “sempre útil para Lugo e para a Galiza” e sinala que “cando o Goberno fai caso das demandas formuladas polo BNG é cando acerta”.

Despois de que RENFE decidise de maneira unilateral suprimir a última conexión ferroviaria entre Ourense e Lugo, frecuencia que viña desde Madrid, a entidade pública decide rectificar esta decisión e recuperala. Unha decisión que, do punto de vista do BNG, foi froito do labor realizado a través da xestión e a presión política e mesmo ante as numerosas queixas formuladas polas persoas usuarias.

“Desde que soubemos da decisión de RENFE, o BNG estivo presionando e traballando para a recuperación desta conexión. Rexistramos iniciativas e demandamos ao Ministerio de Transportes e, concretamente, a RENFE a que rectificase porque supuña recortar unha frecuencia máis coa capital lucense”.

Neste sentido, Néstor Rego, o deputado do BNG no Congreso urxía ao Goberno a rectificar esta decisión, “dando marcha atrás e restituíndo o traslado en bus de Ourense a Lugo ás 23h.”.

Unha vez conseguida a rectificación e o restabelecemento do servizo, Rego pon en valor o traballo realizado polo BNG, “sempre útil para Lugo e para a Galiza” e convida o Goberno a continuar nesa liña porque “facendo caso das demandas formuladas polo BNG é cando acerta”.

Traballar para que Lugo non quede illada

Así mesmo, o deputado do BNG no Congreso avanza que a frente nacionalista seguirá traballando para que Lugo teña vías de comunicación “propias do século XXI” e non quede illada. “Lugo é a cidade menos favorecida polas actuacións de modernización ferroviaria. Todas as actuacións que a día de hoxe se están levando a cabo en Lugo para o impulso do transporte ferroviario son grazas ao acordo conseguido polo BNG” lembra.

“Seguiremos a traballar para que o Goberno do Estado asuma novos compromisos con Lugo e impulse as comunicacións lucenses” asevera Néstor Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG