O deputado do BNG, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado que cumpra o Acordo asinado co BNG “que é un compromiso con todos os galegos e galegas” e aplique de maneira inmediata as bonificacións nas portaxes da AP-9 e libere o tramo Vigo-Redondela. Así mesmo, Rego denuncia a actitude de bloqueo de PSOE e Unidas Podemos na Mesa do Congreso coa tramitación da Lei de transferencia da autoestrada e exixe que sexa tramitada neste mes, antes de finalizar o actual período lexislativo.
O deputado nacionalista lembra que o acordo de investidura asinado entre BNG e PSOE estabelecía a rebaixa de 100% nas portaxes da autoestrada do Atlántico para usuarios recorrentes, a absorción por parte dos Orzamentos Xerais do Estado do incremento de 1% anual acumulativo durante vinte anos previsto nos convenios de 2011 e 2013 e aínda a eliminación da portaxe no tramo Vigo-Redondela. Todas estas medidas terían que ter entrado en vigor a 1 de xaneiro, coa aplicación dos Orzamentos do Estado, mais o Goberno non cumpriu e pasou a anunciar que as bonificacións se aplicarían “no primeiro semestre de 2021”.
“Está a pique de finalizar o primeiro semestre e o Goberno aínda non cumpriu o seu compromiso cos galegos e galegas en relación á baixada das portaxes da AP-9. Este non só foi un compromiso co BNG, senón co pobo galego” subliña o deputado do BNG no Congreso. Rego exixe tamén que os descontos se poñan en marcha nos termos acordados. “Cada día que pasa sen cumpriren é un día máis de descrédito do Partido Socialista na Galiza” enfatiza.
Así mesmo, Néstor Rego sinala como preocupante que o Goberno do Estado non cumpra co pobo galego baixando as tarifas da AP-9 e pretenda aplicar portaxes nas autovías, unha medida que a formación nacionalista cualifica como “antisocial” por agravar aínda máis a situación das galegas e galegos ao non teren infraestruturas alternativas que permitan a mobilidade. “Lembramos que o PSOE tamén se comprometeu, no acordo de investidura, á modernización da rede ferroviaria interna da Galiza, primeiro que cumpran” destaca Rego.
Por outra banda, o deputado nacionalista recrimina a actitude de bloqueo de PSOE e Unidas Podemos en relación á tramitación da Lei de transferencia da AP-9. A toma en consideración produciuse a comezos de febreiro e, tras aceptar a solicitude do BNG de realizar esta tramitación pola vía de urxencia e finalizar o prazo de emendas á totalidade, a Mesa do Congreso prorroga semanalmente de forma sistemática e sen razón xustificada o prazo de para as emendas parciais desde o día 24 de febreiro.
“Catorce semanas consecutivas. Non é de recibo esta política de dilación por parte do Goberno español e dos partidos que o conforman, nunha cuestión que xa leva demasiado tempo esperando” enfatiza Rego. “Non hai ningunha razón agora para demorala. O BNG exixe á Mesa do Congreso que a tramitación se produza nas dúas semanas que aínda faltan de período lexislativo antes do período de verán”.
Goberno do Estado financia nova planta de aluminio en Zamora mentres deixa caer Alcoa e o futuro da Mariña
Tras se copñecer no día de onte a decisión do Ministerio de Industria de financiar con cargo a un fondo de 600 millóns de euros a construción dunha nova planta de aluminio primario en Zamora, o deputado do BNG exixe, máis unha vez, a intervención pública da planta de aluminio en San Cibrao. “Non é de recibo que en canto o Ministerio de Industria se resiste a cumprir os compromisos estabelecidos, incluídas as resolucións do Congreso, estea en disposición de financiar con recursos públicos unha nova planta promovida por un coñecido empresario con boas relacións tanto co PSOE como co PP”, resalta o deputado.
Néstor Rego lembra que, por iniciativa do BNG, foron aprobadas no Congreso dúas resolucións en que se instaba o Goberno á intervención pública da planta para garantir “a continuidade da actividade e da totalidade dos postos de traballo para desenvolver un proxecto industrial solvente e de futuro para A Mariña”.
“Mentres na Mariña aínda non se enxerga unha saída pola negativa do Ministerio á intervención pública, non teñen problema para financiar unha nova fábrica de aluminio para favorecer proxectos empresariais no mesmo sector”,recrimina o deputado nacionalista. “Primeiro que cumpran coa Galiza, o BNG non vai permitir que se discrimine o noso País. O Goberno español non pode deixar caer a planta de San Cibrao, estamos a falar de 1.000 postos de traballo entre Alcoa e auxiliares e do futuro da comarca”.