No reparto do folleto explicativo do acordo de investidura á veciñanza de Compostela, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego destaca os “avances conseguidos polo BNG no acordo co PSOE”, fronte a inacción de Feixóo e o Goberno galego durante décadas.
Acompañado de cargos institucionais e militantes, Rego avanzou que o BNG continuará coa campaña de divulgación do acordo en diferentes lugares de Galiza para dar a coñecer á cidadanía un acordo que permitiu “desbloquear” algúns dos problemas sociais e económicos e colocar “Galiza no mapa” no debate político sobre a “cuestión nacional, os dereitos do noso país e a capacidade para decidir sobre o seu futuro”.
Constatamos, dixo, a “magnifica valoración” que está producindo o acordo así como o “papel do BNG no Congreso dos deputados” así como a necesidade de contar cunha forza nacionalista como o BNG que “non se somete a ningunha directriz allea aos intereses do noso país”. Esta é a diferenza, explicou, con outras forzas de ámbito estatal que nos anos anteriores foron “incapaces de resolver estes problemas”.
Rego recalcou que agora “é necesario pasar do acordo aos feitos e ver os resultados dos compromisos asumidos polo goberno central” para mellorar a calidade de vida e benestar de todos os galegos e galegas.
Dentro dos compromisos, engadiu, algúns son urxentes como os referidos a transición xusta para As Pontón e o estatuto da industria electrointensiva e outros, como a solución aos problemas dos emigrantes retornados coa facenda española, as modificacións da lei de Violencia de Xénero, a bonificación do cen por cen para usuarios recorrentes na AP-9, están en función da negociación dos orzamentos. Nesta liña anunciou que o obxectivo do BNG será acadar uns orzamentos que reflictan as as partidas necesarias para o cumprimento do acordo.
Por outro banda, asegurou que o BNG continuará reclamando as melloras nas infraestruturas ferroviarias e o pagamentos dos cartos que o estado adebeda a Galiza. Neste sentido, emprazou a Feixóo a reclamar “pola vía política e xudicial” a débeda e cualificou de “lamentable” que o Presidente da Xunta non tivera actuado antes.
A demora do AVE é responsabilidade do Partido popular
Sobre a última demora na chegada a Galiza do AVE explicou que agora coñecemos algunhas das causas que provocaron o retraso. “Os gobernos do Partido popular, durante catro anos executou menos do 50% dos investimentos e nos anos 2016 2 2017 paralizou as obras do AVE, de maneira irregular, segundo o propio Tribunal de Cuentas”. Esta, sinalou Rego, é unha das principais causas desa demora. Dende o BNG, “parécenos hipócrita a posición hiperreivindicativa de Feixóo cando a responsabilidade está no seu propio partido”.
O BNG, remarcou, “non debe ningunha submisión a ningunha dirección de Madrid” e seremos igual de reivindicativos co Partido Socialista para que axilice e remate as obras, como fomos no seu día co goberno Partido popular”. Resulta “escandaloso” agardar vinte anos pola chegada do AVE a Galiza”, concluíu.