O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defendeu a moción, consecuencia de interpelación, da frente nacionalista apelando o voto favorábel do resto de grupos para instar o Goberno do Estado inicie a realización dun estudo para o rescate da AP-9, execute o rescate e axilice a transferencia da Autoestrada do Atlántico á Galiza. O BNG, na súa loita por conseguir o obxectivo de que as galegas e galegos teñan unha “AP-9 galega e libre de peaxes”, defende a necesidade de rematar coa estafa legalizada das peaxes da Autoestrada e a discriminación que sofre á Galiza que lastra a economía das familias e empresas galegas.
“O que o BNG propón nesta moción é que o Ministerio de Transportes, comece por realizar un estudo propio sobre a mellor formulación xurídica e o custo que tería o rescate” sinala o deputado nacionalista. Non parece serio, continúa, rexeitar esta proposta -unánime, por certo, no Parlamento da Galiza- sen analizar primeiro como e canto vai custar. “Nós temos a certeza de que o rescate será bo para os galegos e galegas e tamén para as arcas públicas” afirma Rego.
A respecto do rescate, sinalou o deputado do BNG, existen algúns xa realizados e publicados como o encargado pola organización nacionalista á Universidade da Coruña que estipula o rescate en 904,7 M€. “Quero lembrar que en 2018 Globavia adquiriu unha parte do grupo Itínere valorando o total das accións do grupo en 1 300 M€. Porén, dentro deste grupo existen máis activos que a AP-9 polo que debe valorarse a porcentaxe que representa a concesión desta autoestrada necesariamente inferior” reforza con este novo argumento a necesidade de rescatar esta autoestrada.
“Esta actuación do Goberno, o rescate, continuaría sendo a máis vantaxosa para o Estado e tamén para os galegos e galegos” subliña Rego. De facto, lembra que un ditame do Consello de Estado para a tramitación das bonificacións indicou que “só por este concepto o Estado deberá pagar a Audasa até 2048 2 394,5 M€ -bastante máis, se incluírmos as portaxes na sombra-, resulta que rescatando a Autoestrada do Atlántico o Estado aforraría aproximadamente 1 489 M€”.
Avanzar e desbloquear a transferencia da AP-9 á Galiza
“Incorporamos ás propostas de resolución, axilizar a transferencia da Autoestrada do Atlántico, que está a tramitar este Congreso por petición unánime do Parlamento da Galiza” indica Rego. De facto, o deputado nacionalista lembra que é a quinta vez que a Cámara Galega o acorda. “Catro veces debatido e aprobado aquí. A quinta, infelizmente, foi impedido mesmo o debate pola maioría do Partido Popular, con Ana Pastor á frente da Mesa deste Congreso” denuncia. Non ten sentido, evidencia Rego, continuar a demorar unha tramitación que debe concluír canto antes, mesmo por respecto á decisión unánime e soberana do Parlamento da Galiza.