O BNG da comarca da Montaña realizou unha Asemblea Aberta na Praza do Convento de Melide co obxectivo de preparar a organización para os desafíos políticos máis inmediatos, particularmente, a mobilización do 25 de xullo en Compostela e a próxima Asemblea Nacional que decorrerá novembro. No encontro participou en representación da Executiva Nacional, o deputado no BNG no Congreso Néstor Rego.
A responsábel comarcal do BNG e concelleira en Arzúa, Lucía López Sobrado, salientou a importancia de que toda a organización se active para facer frente aos desafíos políticos que o nacionalismo e o País teñen por diante, en particular, fixo un chamado a participar de forma masiva na mobilización do Día da Patria Galega que decorrerá en Santiago de Compostela o próximo 25 de Xullo sob o lema “Galiza sen límites”. Esta mobilización ten por obxectivo reclamar un País con capacidade “para decidir sobre os seus asuntos en función dos propios intereses, para poder desenvolver as inmensas potencialidades que temos e mellorar a calidade de vida de todos os galegos e galegas”. Lucía Sobrado subliñou tamén a necesidade de enfrontar con decisión “a nova ofensiva de espolio eólico á que se ve sometida Galiza e que afecta tamén a concellos da comarca da Montaña como Curtis e Sobrado”.
A responsábel comarcal fixo tamén referencia á próxima Asemblea Nacional do BNG, en que toda a militancia da organización poderá e deberá participar de maneira activa nun proceso de debate que vai ser fundamental para establecer as liñas de traballo máis adecuadas no camiño de fortalecer a organización nacionalista para enfrontar con éxito os desafíos electorais dos próximos anos a comezar polas eleccións municipais de 2023.
Pola súa parte, o deputado no Congreso, Néstor Rego, destacou que o BNG é unha forza á alza cun crecente apoio político e social polo que o afán de toda a militancia debe ser traballar para consolidar ese proceso de expansión organizativa porque o obxectivo é que o Bloque Nacionalista Galego se sitúe en posición de transformar en positivo o futuro do noso País.
“O BNG é a única forza que traballa realmente por mudar o presente de crise, emigración, espolio e incerteza, por un futuro de progreso e benestar para todos os galegos e galegas. Para iso precisamos unha Galiza que tome conta do seu futuro nas propias mans, e o nacionalismo é, hoxe por hoxe, a forza que impulsa un País novo, unha Galiza con capacidade para decidir, isto é, con soberanía para pór todos os nosos recursos ao servizo do desenvolvemento social e económico da nosa terra” salientou Néstor Rego na súa intervención.
Neste sentido, Rego chamou toda a militancia do BNG a activarse e todas as persoas que queren que esa mudanza se produza a se incorporaren ao traballo na frente nacionalista e particularmente a participaren na mobilización do Día da Patria e na resposta social que é preciso dar ás políticas que prexudican os intereses da Galiza, desde a ofensiva de espolio eólico, á crise industrial e aos novos recortes sociais que xa se anuncian, por exemplo, nas pensións.
O deputado nacionalista destacou tamén a importancia de que os galegos e as galegas teñamos unha voz propia e soberana en Madrid para defender os intereses do noso pobo, unha voz que só pode ser a do Bloque nacionalista Galego desde a constatación de que a representación das forzas de ámbito estatal prefire acatar submisamente o que decidan as súas direccións en Madrid mesmo cando iso prexudica os nosos intereses.