Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, acompañado de persoas representativas de diversos colectivos galegos sociais en loita, manifestou que o BNG estará no Congreso para defender que “Galiza é unha nación, ten dereito á autodeterminación e precisa soberanía para decidir sobre os seus asuntos de forma libre”.
O deputado do BNG insistiu na necesidade de poder decidir para acadar un desenvolvemento social, económico e político co fin de poder “mellorar as condicións de vida do conxunto da poboación galega e tamén para defender os dereitos sociais e os sectores maxinados e prexudicados polas políticas económicas e sociais que desenvolve o Estado español”.
A preguntas d@s xornalistas sobre o voto do BNG á investidura de Pedro Sánchez, Néstor Rego dixo que, tras a primeira reunión de onte co PSOE, o voto do BNG dependerá das cuestións que se concreten sobre a “axenda galega”.
Entre as prioridades a desenvolver nos vindeiros meses no Congreso, o deputado nacionalista anunciou que as alternativas contra a grave crise industrial galega centrarán en grande medida a súa actividade política. Neste sentido, destacou a necesidade de buscar alternativas ás empresas electrointensivas, comezando por ALCOA, o sector naval en Ferrol e Vigo, unha solución á carestía do recibo da luz nun país que é produtor excedentario de enerxía eléctrica e por esta razón exixiremos “unha tarifa eléctrica propia”. Por outra parte incidiremos nas inversións en infraestruturas, a transferencia da AP-9, a rebaixa de peaxes e actuar para recuperar dereitos sociais co fin de reverter algunhas das políticas do Partido popular como: a reforma laboral, as pensións, a lei Mordaza e a Lomce.