A parlamentaria do BNG, Montse Prado defendeu unha proposición non de lei instando á Xunta a “non deixar tirados aos traballadores e traballadoras de Bosch pendentes dun expediente de regulación de emprego”.
A parlamentaria, tras saudar aos traballadores que asistiron ao debate da iniciativa, trasladou o apoio do BNG ás demandas laborais do colectivo en folga convocada para o día de hoxe na empresa BOSCH.
Na súa intervención, reclamou do Goberno galego “mediar coa dirección de Bosch, traballadores e traballadoras afectados” co fin de minimizar os efectos dun ERTE”, na súa opinión “totalmente inxustificado”.
A deputada tamén defendeu que autoridade laboral garanta a legalidade vixente, e inste á compañía Bosch, ubicada en Vigo, a “paralizar o ERTE” en tanto non presente toda a documentación precisa, comezando polo informe económico da empresa e a afectación real do ERE de Vodafone.
“A inspección de traballo ten que actuar e non permitir saltar por riba da escasa lexislación laboral pisoteando os dereitos laborais provocado por un ERTE impugnado xa polas traballadoras”, ademais considerou que ante o cúmulo de irregularidades no proceso, “a Xunta debe suspendelo”.
Para a deputada, a situación das empresas de telemárketing representan “o espolio” dunha infraestrutura no sector das telecomunicacións no que as grandes operadoras están embarcadas nun proceso de concentración cualificado en Madrid, Barcelona e Bilbao. O emprego deslocalizado de Galiza para crealo en Madrid, explicou, corresponde a postos a dirección, xestión, comercialización, deseño e operación de redes e servizos, obrigando a “emigrar” ao persoal máis formado.
Por outra parte, lembrou que no ano 2017, o emprego galego no sector ascendía a 1.273 traballadores e traballadoras pero na actualidade, dixo, se está a producir unha grande destrución do emprego cualificado en Galiza, así como no colectivo de teleoperadores/as e operadores/as de comunicacións inmersos nun proceso de precarización, con condicións laborais desreguladas e “salarios de supervivencia”.
Prado denunciou que as beneficiarias da precariedade laboral son as grandes operadoras, “cuns elevados ingresos e reducidos custes laborais”. Vodafone toma a decisión de deslocalizar a carga de traballo e esa decisión repercute en Bosch trasladando as consecuencias ao persoal.
O ERE de Vodafone, mantén unha folla de ruta para amortizar emprego, a pesar de que hai carga de traballo cun gran número de horas é o gran número de horas extras. A empresa con 480 traballadores en Galiza, 300 en Vigo, 180 na Coruña, na actualidade conta con 126 en Vigo e 55 na Coruña . Coa aplicación do ERE pasarán a 46 e 95. Prado tamén aludiu ás contratacións, na maioría de emprego feminino, as contratación a través de ETTs e aos baixos salarios.
A proposta defendida pola deputada do BNG incluía demandar de Vodafone e Bosch a atención en galego nos servizos a clientes, que os convenios e subvencións que a Xunta realice con empresas de telecomunicación sexan condicionados á produción local e creación de emprego en Galiza así como iniciar accións para impedir a deslocalización das empresas de telecomunicacións incluídos os servizos de soporte técnico, provisión, xestión de altas e reclamacións.
Prado lamentou que a proposta non prosperara polo voto en contra do Partido popular e manifestou que ”a Xunta non pode ser cómplice da destrución de emprego e precarización”, a Xunta, recalcou, ten que implicarse para garantir os postos de traballo, concluíu.