O deputado do BNG Luís Bará acusou hoxe á Xunta de “atacar e desprezar” a Pontevedra por negarse ao traslado inmediato das instalacións que a Axencia de Infraestruturas de Galicia (AXI) mantén na Xunqueira do Alba, declarada xa no 2012 como espazo natural de interese local (ENIL).
Durante unha pregunta formulada na Comisión 1ª do Parlamento, o nacionalista interesouse de novo polos plans da Xunta para trasladar o Centro de Viabilidade Invernal da zona norte da provincia de Pontevedra, instalación que ocupa 7.000 metros cadrados nunha parcela situada en terreos de dominio público marítimo terrestre dentro dun espazo que, dixo Bará, está chamado a ser un “auténtico paraíso natural”.
O plan de conservación do ENIL da Xunqueira da Alba prevé o traslado dos equipamentos públicos que actualmente están “okupando” estes terreos de maneira irregular, segundo denunciou Bará. A Deputación de Pontevedra xa ten moi avanzado o proxecto de traslado das instalacións do Parque de Maquinaria e da Imprenta Provincial, que suporá a recuperación e rexeneración de case 17.000 metros cadrados cun investimento de máis de 3,6 millóns de euros. A Consellería de Medio Rural, pola súa banda, tamén anunciou xa actuacións para trasladar os medios e equipamentos de incendios ao polígono de Botos e ao parque do Campiño. Pero aínda se descoñecen as previsións para a recuperación dos terreos “okupados” na Xunqueira de Alba polo Centro de Viabilidade Invernal.
Luis Bará lembrou que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xa propuxo ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, un plan para o desmantelamento das instalacións autonómicas no ENIL, ofrecendo o Concello uns terreos para a mudanza. polo que censurou o desinterese que amosa Infraestruturas para ‘liberar’ a zona.
O parlamentario do BNG acusou ao director xeral da AXI, Francisco Menéndez, de “atacar e desprezar” a Pontevedra e de manter unha actitude “pechada, sectaria e cerril” por non querer contribuír a solucionar a “aberración” que supón manter aínda os terreos da Xunqueira do Alba “okupados”.
O nacionalista contrapuxo a postura da AXI á que mantén, na propia Xunta, a Consellería de Medio Rural. “Vostedes son os malos da película”, espetoulle ao representante da AXI que interveu na Comisión 1ª.