Luís Bará acusa ao Goberno galego de "estirar o chicle" da permanencia de ENCE con fins partidistas e enganando ás e aos traballadores

Luís Bará
Luís Bará
Recrimina ao Partido popular a “manipulación” do informe do Consello Consultivo de Galiza e crear entre as e os  traballadores “a falsa ilusión” de que a fábrica pode permanecer onde está, a pesar da sentenza en contra

O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará acusa á Xunta de querer seguir “estirando o chicle” da permanencia de Ence na ría de Pontevedra con fins partidistas e mesmo “manipulando” gravemente o informe do  Consello Consultivo de Galiza.

O deputado, tamén acusou ao Goberno galego de crear entre as e os  traballadores a “falsa ilusión” de que a fábrica pode continuar onde está, cando hai unha sentenza que di o contrario.

A proposición non de lei do  BNG defendida polo deputado, Luís Bará  reclamaba Iniciar un proceso de diálogo con todas as administracións relacionadas, co obxectivo de levar a cabo o previsto na disposición adicional terceira do POL en relación coa área de mellora ambiental e paisaxística nos terreos que ocupa actualmente a empresa ENCE en Lourizán.

Na súa intervención, Bará denunciou a “burda manipulación” de Feixóo do informe do  Consello Consultivo de Galiza (CCG) sobre os terreos de Ence para abrir a posibilidade de adscribilos ao porto de Marín. “O máis grave non só é esa burda manipulación do contido do informe, senón a burda manipulación do propio Consello Consultivo, un feito moi grave porque é o máximo órgano consultivo da Xunta e do conxunto das institucións galegas e senta un gravísimo precedente”, censurou.

A xuízo do nacionalista,  o Presidente da Xunta “sique estirando o clicle” da permanencia de Ence en Lourizán coa finalidade de  “confrontar co Goberno central e  facer oposición ao Goberno municipal de Pontevedra”.  Fixóo, dixo, “ faino utilizando o engano ao conxunto da cidadanía e aos propios traballadores e traballadoras, aos que lles crea a falsa ilusión de que Ence pode seguir onde está, cando hai unha sentenza que di o contrario”.

 “En vez de enredar, de confundir, de confrontar, a Xunta ten que afrontar as súas responsabilidades como Goberno do País e poñerse a traballar  porque dentro duns meses pode haber unha situación xa irreversible para a saída de Ence”. 

O BNG propón un proxecto forestal que incrementa o número de empregos actuais

O deputado  defendeu a proposta do BNG para  buscar un novo emprazamento de ENCE e desenvolver un gran proxecto industrial forestal de transformación de derivados da madeira e  celulosa, cunha planta de papel e outro complexo de derivados da celulosa, obxecto de grande demanda no mercado. Con este obxectivo, avogou por realizar un estudo serio sobre posibles emprazamentos deste novo complexo industrial, “porque non é só unha planta substitutoria da que hai agora” e de feito,  “permitiría multiplicar o número de empregos, ao estar dentro dunha perspectiva de monte multifuncional, con participación pública e co conxunto do sector forestal galego”.

O portavoz parlamentario de Medio Ambiente reclamou que o Goberno galego comece a traballar  na ordenación dos usos dos terreos que ocupa actualmente Ence, prevendo a súa saída da ría, “de maneira inmediata ou a medio prazo”, dando cumprimento ás  Directrices do Territorio e  o Plan de Ordenación do Litoral, que obrigan á rexeneración e recuperación dos terreos. “Aí ten que haber unha área de mellora ambiental e paisaxística”, e lembrou  que  a Xunta é a  responsable desa  reordenación. Nesta liña, propuxo iniciala en cooperación co Concello de Pontevedra e  Goberno central. Bará asegurou que debe ser Ence quen asuma os custes do desmantelamento da fábrica e a Xunta  decidir de que lado está, “si a favor de exercer as súas competencias como goberno  ou como mero delegado dos intereses de ENCE e ao servizo dos ditados do PP de Madrid”.

Finalmente, o deputado reiterou que o Partido popular non respecta a sentenza xudicial da Audiencia Nacional que obriga a ENCE a trasladar a fábrica e abandonar os terreos ocupados.

A proposición non de lei do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG