A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón advirte da “parálise” do goberno galego e considera alarmante que a “Xunta sega de vacacións”. Para a nacionalista, “o goberno central está en funcións e o goberno da xunta de vacacións”, tras un mes sen celebrar un só consello da Xunta e sen tomar ningunha decisión relevante para o futuro, nos últimos consellos. Galiza, recalcou a portavoz do BNG “non pode estar cun goberno de vacacións” porque temos problemas que inciden moi negativamente nas nosas vidas, “unha desaceleración económica, precariedade laboral moi alta e unha situación crítica na industria”.
Dende o BNG chamamos “ao goberno da Xunta a que abandone as súas vacacións” e asuma as súas responsabilidades porque si vai continuar de vacacións é preferible “non ter goberno” e que “dimita” por irresponsabilidade e incapacidade para defender un proxecto de futuro para Galiza.
GALIZA DESAPARECIDA NA AXENDA POLÍTICA ESTATAL
É evidente que a nivel de estado continuamos vivindo na incerteza coa irresponsabilidade das forzas estatais e de novo, neste inicio de curso político, “Galiza segue desaparecida”. Ninguén esta a “defender unha axenda galega en Madrid” explicou Pontón que achacou a situación a falta de peso político galego para condicionar aos partidos en Madrid e defender os nosos intereses.
Neste sentido, cualifico de “síntoma” a retención do pago dos 700 M€ por parte do goberno do estado e a constatación da necesidade que temos todos os galegos e galegas de controlar os nosos recursos para que “a chave dos nosos cartos non estea en Madrid”, manifestou a nacionalista.
Na súa visita ao concello de Castrelo de Miño, acompañada da deputada do BNG por Ourense, Noa Presas e o portavoz do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, destacou o “grande potencial” dun concello que conta con importantes recursos naturais, turísticos e humanos “de primeira”.
Tras felicitar ao novo rexedor do BNG, Esteban Suárez, Pontón asegurou que ao igual que está a acontecer noutros concellos gobernados polo BNG, Castrelo de Miño impulsará un “proxecto transformador” que sen dúbida incidirá nunha maior calidade de vida para todos os veciños e veciñas, explicou Pontón.
O BNG PROPÓN UNHA NOVA LEI DO VIÑO
O sector vitivinícola foi un dos aspectos tratados na reunión co alcalde e posterior encontro con representantes do sector. Nesta liña, Pontón anunciou que o BNG elaborará unha proposta para que Galiza conte “cunha unha nova lei do viño” destinada a dimensionar e dar valor engadido á produción e con “prezos xustos” para os produtores e produtoras de uva. Esta lei sería, dixo, “unha ferramenta importante” e para iso é necesario contar co sector para analizar as necesidades prioritarias.
O BNG QUERE CONVERTER CASTRELO DE MIÑO NUN EXEMPLO PARA A COMARCA DO RIBEIRO
Pola súa parte, o alcalde de Castrelo de Miño, Esteban Suárez manifestou que o BNG seguirá apostando “polos servizos socias no concello”. Consideramos, dixo, que é necesario investir nas persoas e nesa liña poremos en marcha “un servizo de madrugadores” ademais de potenciar o turismo no río en colaboración con outros concellos da comarca para acadar un maior dinamismo económico.
Entre as iniciativas municipais, Suárez tamén destacou a mellora do saneamento, as estradas e os abastecementos. O alcalde agarda que a lexislatura se caracterice polo diálogo coas outras forzas políticas co fin de chegar a acordos que “melloren a calidade de vida de todos os veciños e veciños” e o tempo, poñer en valor e conseguir que “Castrelo de Miño sexa un exemplo para a comarca do Ribeiro”.