O candidato ao Congreso dos Deputados, Francisco García, participou nun encontro coa veciñanza de Verín defendendo un servizos sociais públicos e de calidade. Denunciou a discriminación que sufrían os concellos galegos recibindo unha media de 50 euros menos por habitante que o resto do Estado.
No acto interviñeron o tenente alcalde de Verín, Diego Lourenzo, que apelou ao voto para o BNG como “garantía de ter unha voz que mire polos intereses das galegas e galegos”. Por outra banda, a número dous ao Congreso, Samanta Barreira, explicou a necesidade dunha forza comprometida co país e destacou a válida experiencia do cabeza de lista polo BNG, Francisco García: “foi quen de converter a Allariz nun referente ao que mirar” asegurou.
Francisco García comezou explicando a necesidade dunha Tarifa Eléctrica Galega xa que “producimos moito máis do que consumimos e exportamos a luz. Sen embargo, vemos como a nosa factura da luz e máis cara aquí que en Madrid, que consume moito máis da que produce”.
Mais tamén centrou a súa intervención no inxusto reparto que o Estado Español fai dos cartos e os orzamentos: “Galiza non é un territorio que sobreviva grazas aos cartos do Estado. Temos que rematar con ese mito e ese prexuízo” sinalou García. Indicou que, de media, os concellos reciben unha media de 50 € menos por habitante en comparación a outros territorios do Estado “iso sen contar coa realidade social de Ourense, con pequeno núcleos de poboación separados entre si”. Asegurou que cando chegue a Madrid, unha das primeiras medidas que defenderá será un reparto xusto para Galiza e os concellos que o conforman.
Aumento de apoios electorais
O candidato ao Congreso polo BNG, Francisco García, apelou ao voto ao BNG en Verín. “A corrente de simpatía cara o BNG cada día aumenta” asegurou García, exalcalde de Allariz. Asemade, indicou que “hai ventos de cambio para o BNG e que é posíbel sacar representación en Ourense”.
Celanova e a Baixa Limia
Paralelamente ao encontro realizado en Verín, desenvolvíase un encontro na vila de Celso Emilio Ferreiro. A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Noa Presas, indicou que “hai posibilidades de sacar representación ao Congreso cun Partido Popular á baixa”. Sinalou a perda de alcaldías por parte do PP na provincia de Ourense e a perda da maioría absoluta na Deputación Provincial de Baltar. “Somos a alternativa ás políticas do Partido Popular e a un PSOE que non fixo nada” asegurou Presas.