A crise industrial centrará as propostas do BNG no próximo pleno no que a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitará a sesión de control para preguntarlle a Feixóo cal é a súa posición en relación ao traslado de ENCE fora da Ría de Pontevedra e se vai optar por defender os intereses de Galiza ou se vai poñer do lado da pasteira.
“Unha empresa que leva moito tempo condicionando a política forestal de Galiza”, salientou a viceportavoz Olalla Rodil tras a xunta de portavoces, que aproveitou para criticar que a Cámara pregue a súa axenda á visita real. “A axenda e a orde do día do Parlamento parece que a marca o xefe do Estado, capaz de modificar tempos e horarios no poder lexislativo galego”, ironizou.
ALCOA, Ferroatlántica, POLIGAL, ISOWAT serán outros nomes protagonistas das iniciativas do Bloque, ante a evidencia de que o proxecto de estatuto para empresas electrointensivas avanzado polo Goberno do Estado non supón unha solución e seguen na picota miles de empregos.
Rodil cualificou de “inverno industrial” a situación dun sector que xa perdeu 3.400 postos de traballo na década de goberno de Feixóo, “que nin está nin se lle espera, buscando escusas de mal pagador e eludindo as súas responsabilidades”. “É inadmisible que Galiza teña miles de empregos en xogo polo custe enerxético pese a producir electricidade a esgalla”, salientou.
Neste contexto, o proxecto de estatuto do Goberno central “é insuficiente e lonxe de resolver os problemas trae novas incertezas e ameazadas”, incluíndo agora á planta de ALCOA de San Cibrao que supón o 30% do PIB da provincia de Lugo.
Por iso, o Bloque reclama que a Xunta “exerza as súas responsabilidades e poña sobre a mesa solucións que garantan o emprego, medidas que poñan fin ás poxas de interrumpibilidade cunha tarifa eléctrica estable e unha compensación ambiental e social que nos permita abaratar a factura da luz rentabilizando a condición de produtora neta de enerxía de Galiza”, explicou Rodil.
O BNG tamén levará a pleno a situación das empresas auxiliares do sector naval afectadas por impagos nos concellos de Cangas, Moaña e Vilaboa, así como a situación dos cadros de persoal de BOSCH e Vodafone. “A Xunta é unha autoridade en materia laboral e debe defender o emprego así como aos traballadores e traballadoras dos excesos das empresas”, concluíu.