A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, criticou o modelo de reparto de fondos europeos da PAC realizada polo Ministro de Agricultura, que prexudica ao agro galego.
Unha vez escoitada a exposición do Ministro que empezou primeiro polos fondos europeos da PAC, e continuou coa pesca, Davila expuxo a visión do BNG sobre a cuestión agraria e sobre a pesca, con especial énfase no problema do reparto das cotas de xarda e xurelo.
A primeira vez que o Goberno español podía cambiar o reparto dos fondos
En canto á distribución dos fondos europeos da PAC, Davila cualificou o labor de Cañete de traballo decepcionante para o agro galego, e para o agro en xeral. A deputada do BNG reprochou ao Ministro que se continuase a mesma fórmula inxusta da UE cando existía a posibilidade de que o Goberno español cambiase o sistema posto que é a primeira vez que reparte directamente os fundos.
É a primeira vez que o Goberno español ten a posibilidade de realizar un reparto máis equitativo, máis xusto e favorecedor para Galiza, sinalou a deputada do BNG, quen tamén acusou á Conselleira por non ter defendido os intereses do agro galego na Conferencia Sectorial.
Acusou ao Ministro de non facer unha distribución dos fundos conforme á realidade do sector, e poder primar aos que de verdade viven do agro: Tiñan a capacidade de cambiar os criterios en relación ás hectáreas, en relación á figura do labrego activo ou en relación ás axudas. Pero non fixeron absolutamente nada na dirección das reclamacións que facían os produtores e organizacións agrarias, ou o mesmo BNG.
E criticou que se continúen a otorgar subvencións e axudas en base aos agricultores que teñen un 20% de ingresos derivados da actividade agraria. Para Davila debería primarse aos labregos con ingresos do 50% procedentes da actividade agraria. Criticou que se beneficie a grandes explotacións que non o teñen como modo de vida.
Señor Cañete, neste eido vostede fixo un traballo decepcionante para o agro . Vostede puido realizar unha distribución máis equitativa para as pequenas e medianas explotacións. Subliñou o caso de Galiza caracterizada polo minifundismo, onde as explotacións viven en exclusividade do agro.
No que atinxe ao sector lácteo, tildou de insuficientes as axudas a un sector que está sometido aos vaivéns e á inestabilidade dos prezos.
Instou ao Ministro a recuperar o diálogo co sector agro-gandeiro.
PESCA: a situación da frota de cerco
Na cuestión relativa á pesca, Davila puxo enriba da mesa o grave problema suscitado no sector pesqueiro de cerco a raiz da proposta de reparto de cotas de xarda e xurelo no Cantábrico que discrimina á frota galega. A deputada do BNG criticou severamente os criterios utilizados polo Ministerio para distribuir as cotas destas dúas importantes especies no Cantábrico Noroeste.
Cuestión que levou á frota de cerco galega a protagonizar un amarre en sinal de protesta. Coa súa proposta está obrigando ao cerco a parar e dixo a Cañete que está a utilizar dados erróneos. Incluso referiuse á xunta mantida esta mañá entre o sector e a Conselleira que piden ao Ministerio que repase os dados e rectifique.
Iso si, Davila reprochou tamén a actitude da Xunta porque a proposta de distribución das cotas de xarda e xurelo as fixo o Goberno central en connivencia coa Xunta.
Señor Cañete, rectifique e faga unha proposta máis xusta.