O deputado do BNG Daniel Pérez defendeu unha iniciativa para exixir á Xunta do PP que, tras sete anos de incumprimento das súas competencias, arranxe de maneira inmediata a estrada AC-414 entre Carballo e Malpica fundamentalmente nos tramos dos núcleos de Xoane da Estrada e Cances Grande, nos que “hai auténticos cráteres” que poñen en risco a seguridade dos veciños que usan esa vía.
O deputado do BNG comezou a defensa da súa intervención amosando ao resto de deputados da Comisión 2ª fotografías do pésimo estado no que se atopa a estrada, e incluso fixo que se escoitara unha gravación en directo da TVG nun momento no que xusto se produciu o rebentón dunha roda por mor das fochancas que hai na estrada.
Daniel Pérez explicou que esta vía, que é de titularidade autonómica, segue a soportar unha elevada intensidade de tráfico, pese a diminución que supuxo a construción da AC-418 Carballo Malpica. A AC-414 é empregada pola veciñanza ao longo de todo o ano e é paso habitual para o tráfico pesado dunha empresa da contorna. Ademais, no verán increméntase considerablemente o seu uso para acceder a zonas de ocio e praias ou nos desprazamentos ata Buño.
Dende a inauguración da AC-414, a Xunta “esqueceu totalmente” AC-414 que, dende hai anos, está nun “estado lamentable”, asegurou Daniel Pérez, que lamentou que a Xunta tardase máis de seis anos en atender ás queixas dos veciños e do propio Concello que, en seis escritos diferentes remitidos xa dende o 2017, demandou o arranxo da estrada e amosouse incluso a aceptar o traspaso da titularidade da mesma, sempre e cando, se garantise o bo estado na entrega da vía.
Daniel Pérez referíase así ao anuncio da Xunta a través dos medios de comunicación de que, por fin, vai facer obras de mellora nos treitos máis danados da AC-414. Porén, advertiu de que o que precisa a estrada é unha “reforma integral”, con estacionamentos e unha senda peonil, á que o PP rexeitou comprometerse na comisión do Parlamento.
O PP votou en contra da iniciativa do BNG que, ademais de reclamar o arranxo “de xeito conveniente” a estrada AC-414 nos treitos de Xoane da Estrada e Cances Grande “para garantir que a circulación de vehículos e peóns se faga en condicións de seguridade”, propuña á Xunta asinar un convenio co Concello de Carballo co propósito de que este asumise a titularidade dos tramos con posterioridade á realización das obras.
“A Xunta leva anos incumprindo as súas obrigas de mantemento porque a estrada é da súa competencia”, asegurou Daniel Pérez, que acusou ao Goberno do PP de “falta de lealdade institucional” co Concello de Carballo, ao que se lle pediu cofinanciar a obra e asumir a titularidade da vía como requisito para facer calquera arranxo na mesa. “O concello non pode aceptar chantaxes porque non estaría defendendo os intereses dos veciños e as veciñas”, advertiu.