“Coa papeleta do BNG imos facer a revolución galega en Madrid, imos facer que Galiza conte e todos os votos de Cambados serán decisivos”. Así falou hoxe no mitin do Salón José Peña a cabeza de lista do BNG, Carme da Silva, quen asegurou que estamos “nun contexto excepcional” que esixe sumar no Bloque Nacionalista Galego os votos do país para volver dar voz a Galiza en Madrid e tamén para frear “á dereita rancia de Colón”.
Da Silva indicou que estamos nun momento político especial, no que sería un “erro histórico” que Galiza non tivese representación en Madrid. Apelou aos indecisos e a todas as persoas que aínda non sendo nacionalistas botaron de menos a Galiza no Congreso e queren un goberno de progreso a apoiar ao BNG o vindeiro 28A xa que a súa papeleta conta dobre, vale por dúas: para que Galiza sexa determinante para definir as políticas e orzamentos do Estado nun momento sen maiorías absolutas e para garantir unha maioría de esquerdas.
“A nosa papeleta vai parar á dereita carca: somos a antítese dese trío de Colón que quere levarnos 40 anos atrás, somos o voto que máis lles doe e se sumamos apoios imos parala aquí e agora! ”, dixo. Engadiu, de feito, que nestes momentos e segundo todas as enquisas o BNG xógase o escano en liza na provincia de Pontevedra con VOX e C’s. “Que cara lle vai quedar a Feijóo, a Casado, a Rivera ou ao reconquistador se ven que unha forza como o BNG é a que lle quita o escano en Pontevedra? Iso será digno de ver”, salientou.
A candidata tamén puxo de manifesto as boas sensacións da campaña, na que hai unha corrente de simpatía “que vai a máis”. “O BNG vai en remontada, rebentará ás enquisas e levará a Madrid a todo o pobo galego con responsabilidade, dignidade e orgullo de representar o noso país. Podémolo conseguir! Que Galiza volva contar, que sexa o noso momento!”, dixo.
Se o BNG está, Galiza está
Carme da Silva destacou que Galiza debe volver ter capacidade política para decidir sobre os asuntos que lle competen. Subliñou que é preciso ter unha tarifa eléctrica galega, unha fiscalidade e unha facenda propia, e políticas que permitan desenvolver as potencialidades e recursos propios para xerar riqueza e emprego en Galiza. En clave local lembrou a necesidade de sanear a ría de Arousa, de mellorar as condicións de mariscadoras e redeiras, ou de reformar a praza de abastos, cuestións que seguen freadas ou paradas debido aos gobernos do PP e do PSOE con Podemos-En Marea, “que ignoraron o país e as súas necesidades durante a última lexislatura, coa peor proposta de orzamento dos últimos 17 anos para Galiza”.
“Todas estas cousas son as que temos que levar a Madrid o 28A. Temos que levar a Madrid a nosa voz, e non ser menos que ninguén, tampouco máis. Pero se vascos, canarios, valencianos ou cataláns van ter representación para tirar do seu, ou nós nos facemos valer ou non vai vir para aquí o que precisamos”, destacou, para insistir que os últimos gobernos foron un exemplo da ausencia da axenda Galega no Congreso, ao igual que as necesidades do país estiveron ausentes no debate de onte en TVE entre as forzas españolas.
“Para que se fale de Galiza o BNG ten que estar no Congreso –dixo-. Porque cando o BNG estaba conseguíanse beneficios directos para este país e agora é preciso dar un paso firme, claro e con confianza. Temos monte, temos mar, temos terras. Temos unha riqueza grande. Temos todo o potencial que necesitamos para ter un futuro mellor, pero só imos ter voz para defendelo da man do Bloque. Os demais deputados que estiveron en Madrid estiveron mudos, foron inútiles para Galiza”, finalizou.
Non arrepentirse o 29
Pola súa banda, a parlamentaria Montse Prado subliñou na súa intervención que é preciso afrontar este final de campaña sen deixarse levar “polo circo de tres pistas que teñen montado os partidos estatais”. Destacou que é preciso pensar ben o voto do día 28 para “non arrepentirse logo o 29, cando xa será demasiado tarde”.
Prado destacou que non debemos ser “expectadores dun debate no que non estamos, debemos aspirar a ser protagonistas, polo que temos que votar como galegos e non asumir un país low cost de baixas aspiracións”.