O BNG de Viana do Bolo pide a nulidade do pleno da moción de censura que deu a alcaldía ao tránsfuga Abelardo Carballo

Presentación recurso
Presentación recurso
Unha sentenza do Tribunal Supremo declara que os concelleiros tránsfugas non poden asumir novos cargos e retribucións que supoñan melloras políticas ou económicas.

O BNG vén de presentar no Concello un recurso extraordinario de revisión en contra da convocatoria do pleno da moción de censura celebrado o pasado 1 de setembro no que saíu elixido alcalde Abelardo Carballo.

Naquel pleno os votos do PP de Andrés Montesinos e dous tránsfugas do PSOE apartaron antidemocraticamente, e agora demóstrase que tamén ilegalmente, da alcaldía a Secundino Fernández Fernández traizoando a vontade dos veciños e veciñas de Viana do Bolo.

A sentenza da Sección Cuarta da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Supremo indica que o pase a concelleiro non adscrito “impide que se asuman cargos ou perciban retribucións que antes non exercían ou percibían e que impliquen melloras persoais, políticas ou económicas”. En base a esta Sentenza, que crea xurisprudencia, Abelardo Carballo nunca podería ser candidato á alcaldía de Viana na moción de censura que se votou o pasado 1 de setembro.

En consecuencia, o BNG acaba de presentar no rexistro de entrada do Concello de Viana un recurso extraordinario de revisión ao considerar que con esta nova Sentenza queda probado que se cometeu unha ilegalidade ao convocar un pleno para debater unha moción de censura que non cumpría cos requisitos legais para poder presentarse, e no que se adoptou un acordo tamén manifestamente ilegal, por medio do que se investiu como alcalde un concelleiro tránsfuga que pola súa condición de non adscrito non podería asumir este novo cargo.

No BNG congratulámonos de que o Tribunal nos dea a razón e recoñeza o carácter antidemocrático e contrario a dereito dunha moción de censura que levou á alcaldía a un tránsfuga en contra da vontade expresada polas urnas en maio de 2019.

Só esperamos que este recurso se resolva o máis rápido posible e repoña a normalidade democrática no Concello de Viana do Bolo devolvendo á alcaldía a Secundino Fernández, quen ocupou lexitimamente este posto nos últimos anos.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG