Nova xuntanza entre o BNG e o Grupo Socialista para chegar a un acordo para unha posíbel investidura. Na reunión na que participaron os nacionalistas, Néstor Rego e Rubén Cela, xunto aos socialistas, Adriana Lastra e Rafael Simancas, volveuse poñer enriba da mesa as medidas que se recollen na Axenda Galega que o BNG leva defendendo durante todas estas negociacións.
Rego lamenta que logo da xuntanza aínda non haxa un grao de concreción sobre estas medidas “fundamentais para atender os problemas sociais e económicos” que Galiza está afrontando. “Entendemos que estamos distantes dese acordo, aínda que si hai vontade de seguir falando” afirma o deputado polo BNG, mais aclara que “non nos serven formulacións xenéricas ou manifestacións de vontade porque no noso país hai problemas que requiren dunha urxente solución”.
Néstor Rego lembra que aos 5.000 traballadores e traballadoras da industria electrointensiva, que ven como os seus postos de traballo perigan, non lles serven unha formulación xenérica de que vai haber un Estatuto da Industria Electrointensiva, cando paralelamente o Goberno aproba uns novos criterios de poxa de interrumpibilidade.
O BNG e o PSOE agardan para reunirse de novo e seguir negociando estas medidas que os nacionalistas veñen propoñendo dende as primeiras negociacións.