A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil avanzou as propostas que serán defendidas polo BNG na vindeira sesión plenaria centradas, no abaratamento do recibo da luz e a transferencia de competencias.
Rodil anunciou que a portavoz nacional do BNG preguntará a Feixóo polas medidas previstas polo goberno para abaratar a factura da luz. Neste sentido, lembrou que estamos a un “novo pico” e pagamos a luz máis cara, da serie anual, nun momento de grande crise económica; a actual situación, dixo, fai que milleiros de persoas teñan dificultades para chegar a fin de mes e as pequenas e medianas empresas continúan “afogadas” economicamente.
Todo isto, engadiu, ocorre nun país, como Galiza, que o ano pasado exportou o 30% da electricidade que produciu e que está ameazada por un novo “boom eólico” con novos proxectos eólicos na terra e tamén no mar.
Galiza, recalcou, é “un país produtor e excedentario de electricidade” que debe ser compensado polo impacto social e ecolóxico. O papel de Galiza non pode ser reducido “á leira privada do oligopolio eléctrico mentres as traballadoras e os traballadores deste país non teñen para pagar a factura da enerxía”, sentenciou.
Por outra parte, o BNG tamén defenderá no pleno unha Proposición de lei para reclamar a transferencia das competencias correspondentes aos servizos meteorolóxicos radicados en Galiza. Unha cuestión fundamental para fortalecer o autogoberno toda vez que as predicións meteorolóxicas teñen un valor enorme para a nosa vida diaria pero tamén para moitos sectores profesionais como o agrogandeiro e a pesca así como a planificación de emerxencias, a aparición de incendios e loita contra o cambio climático, aseverou.
Desde o BNG seguimos impulsando propostas concretas para avanzar no desenvolvemento das competencias que recoñece o Estatuto de 1981 e que aínda están pendentes despois de 12 anos, “de seca absoluta” en materia de transferencias cos gobernos de Feijóo.
O PP sucumbe ás precisións dunha asociación de Guardias Civiles
A viceportavoz nacionalista lembrou que se está a tramitar a Lei de transferencia das competencias de tráfico e seguridade viaria proposta polo BNG. Despois de facilitar a tramitación da lei ( co a abstención do Partido popular),explicou, agora o PP anuncia que “votarán en contra para que non saia adiante”. Ao noso entender, unha vez máis “o PP sucumbe ás presión dos sectores máis reaccionarios e españolistas e evidencia” que non cre no autogoberno, nin quere máis competencias”.
“É unha falta de respecto a Galiza, ao autogoberno e a esta Cámara que vaian tombar unha lei despois de aceptar a súa tramitación porque unha asociación de Guardias Civiles lles mandou parar”, recalcou.
Por outra banda, o BNG solicitou na Xunta de portavoces a Comparecencia do conselleiro de Cultura para que explique as razóns pola que se retirou a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade da UNESCO e, sobre todo, o que aconteceu para que o ICOMOS emitise un informe tan contundente que constata “a incapacidade da Xunta de Galiza para defender a candidatura e, sobre todo, o inmenso valor patrimonial, cultural e paisaxístico da Ribeira Sacra”.
O PP vetou a comparecencia do titular de cultura.