Congreso

BNG urxe o Goberno a avanzar na saída sur de Vigo para a conexión ferroviaria de alta velocidade con Portugal

Néstor Rego
Néstor Rego
O deputado nacionalista, Néstor Rego, presentou dúas iniciativas no Congreso para que o executivo español prevea os investimentos necesarios para a ligazón de alta velocidade do Eixo Atlántico entre Vigo e a fronteira portuguesa, que permitiría conectar coa rede prevista no país veciño e situar Porto a menos de unha hora de viaxe. No mesmo sentido, o BNG presentará emendas aos Orzamentos do Estado, que non prevén esta actuación.

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou neste mes unha Proposición Non de Lei e unha batería de preguntas para urxir o goberno español a prever a execución da chamada ‘saída sur’ de Vigo, a ligazón de alta velocidade dos camiños de ferro entre esta cidade e a fronteira portuguesa.

Néstor Rego sinalou que tras décadas de atrasos e de incumprimentos, “é o momento de apostar decididamente nun proxecto estratéxico que vertebre as comunicacións entre Galiza e Portugal e potenciar o Eixo Atlántico entre Ferrol/Coruña e Lisboa como un gran eixo de comunicacións para a mobilidade de persoas e mercadorías”.

O deputado nacionalista lembrou que o goberno portugués acaba de facer público o Programa Nacional de Investimentos 2030 que, no que ten que ver co transporte ferroviario concede interese estratéxico ás conexións Lisboa-Porto e entre Porto e o Miño. O proxecto do goberno portugués estima que, unha vez desenvolto este plan, a duración da viaxe entre Vigo e Porto reducirase de 2 horas 23 minutos a 55 minutos e a viaxe entre Vigo e Lisboa quedaría reducida a 2 horas e media.

De feito -lembrou Rego-, nunhas recentes declaracións a Ministra portuguesa de Coesão Territorial, Ana Abrunhosa, declarou que a prioridade do Goberno portugués nos camiños de ferro non é a conexión entre Madrid e Lisboa senón o eixo atlántico, Lisboa-Porto-Vigo. Así mesmo advertía que non irían admitir imposicións por parte do Goberno español para modificar as prioridades indicadas.

O deputado nacionalista salientou que se trata dun proxecto fundamental para a vertebración territorial de Galiza que debe contar polo apoio decidido tanto da Xunta de Galiza como do Goberno do Estado, máis se temos en conta o grave atraso acumulado, que fai necesario que se traballe para que se faga realidade no menor tempo posíbel. Un atraso que atribúa á visión centralista do executivo español.

“Fica claro que o Goberno continúa ancorado nunha visión e planificación radial, na que Madrid é o centro, tanto para as redes ferroviarias como para o resto de infraestruturas viarias, plasmando así a visión centralista do Estado. Como é lóxico, esta visión non serve para dar solución aos problemas de vertebración de Galiza”, enfatizou Rego.

O deputado do BNG lembra que proxecto de modernización da conexión ferroviaria entre Vigo e Porto é unha antiga demanda que leva 20 anos de anuncios e proxectos por parte do Goberno central e da Xunta de Galiza, sen que se producise ningunha concreción real máis aló da electrificación do tramo entre Guillarei e a fronteira portuguesa. “Para que se faga realidade, é necesario impulsar o proxecto do saída sur de Vigo e estudar alternativas ao trazado da vía férrea que actualmente atravesa o núcleo de poboación do Porriño”, sinalou Rego, que avanzou que o BNG presentará emendas aos Orzamentos do Estado para que incorporen as partidas que fagan posíbel esta actuación.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG