No encontro mantido hoxe co Comisario de Pesca e Medio Ambiente, Virginius Sinkevicius, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a alcaldesa de Muros, María Lago, trasladáronlle a problemática que está tendo Galiza coa marea de plásticos causada polo vertido de pelets e a falta de medios e transparencia por parte do goberno galego para xestionar a contaminación da costa galega.
“Como dixo Ana Pontón hai uns días, estamos diante dunha tremenda falta de responsabilidade”, salientou Ana Miranda, quen pola contra defendeu que o Bloque si tivo a responsabilidade de trasladar tanto á Comisión Europea como ao Parlamento Europeo “a nosa posición firme e clara de que este non é só un problema galego, senón tamén europeo”.
A eurodeputada nacionalista tamén lle trasladou a Sinkevicius que Galiza é unha nación “altamente dependente da pesca e do marisqueo” ao igual que así o salientou hoxe na súa intervención no debate da Eurocámara, que se celebrou a proposta do BNG baixo o título “Catástrofe ecolóxica recente pola perda perda de pelets de plástico e o seu impacto na contaminación por microplástico nos hábitats marítimos e costeiros”.
Ana Miranda agarda que a investigación en curso á que fixo mención o Comisario de Pesca serva para mellorar a coordinación na xestión das catástrofes, “xa que el mesmo é consciente de que houbo unha falla de coordinación” e é necesaria que a lexislación europea impida que se volva producir unha catástrofe como esta. Neste sentido, explica que o BNG presentou emendas na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo, relativas ao informe de microplásticos e a perda de pelets, para que sexan considerados contaminantes e para que o tráfico marítimo entre na lexislación europea. “É fundamental que a Comisión adopte medidas estritas que melloren a seguridade do transporte, incluído o marítimo”, salienta.
Desinformación do PP
“Temos a convicción de que o BNG é o único que está a defender o sector pesqueiro e o sector marisqueiro e por iso trasladamos o debate ás institucións europeas”, explica a eurodeputada galega, quen sinala que o PP se puxo “moi nervioso” e falan deste problema como unha cuestión electoralista, xa que segundo considera Miranda “non queren que se fale do que está pasando en Galiza e por iso transmiten bulos e trasladan desinformación”.
Nesta liña, na súa intervención na sesión plenaria Ana Miranda lembrou que, a pesar de que o buque Toconao comezou a perder os pelets o 8 de decembre e comezaron a aparecer o 13 de decembro nas praias de Ribeira, non foi até o 4 de xaneiro cando o Goberno galego se puxo en contacto cos concellos para dicirlles que era a súa responsabilidade facerse cargo da limpeza das praias.
Precisamente así llo trasladou ao Comisario de Pesca” a alcaldesa de Muros, María Lago, “exemplo de dignidade xunto ao alcalde de Ribeiras e outros, e os voluntarios que loitan contra esta traxedia ecolóxica”. “A realidade é que os concellos séntense abandonados e desbordados, xa que tiveron que poñerse en solitario a realizar as tarefas de limpeza ante a inacción do goberno galego”, denunciou a eurodeputada nacionalista no pleno.
Na súa intervención na sesión plenaria Miranda apuntou que esta incompetencia do PP non é nova, xa que recorda á xestión do Prestige. “Lamentablemente, non aprenderon nada. a súa desfachatez non remata aquí: o Goberno galego encargou a unha empresa de márketing vinculada ao PP parte da limpeza dos pelets”, manifestou.
“O que o Goberno galego non fai, facémolo nós, reclamando considerar aos pelets mercadorías perigosas e normas máis estritas de empaquetado, etiquetado, carga, estiba e manipulación, así como medidas máis estritas de transporte marítimo para evitar perdas accidentais”, concluíu Ana Miranda, quen fixo un chamamento a participar na mobilización do vindeiro 21 de xaneiro en Santiago de Compostela convocada na defensa do sector do mar.