O BNG vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para reclamar á Xunta que manteña no concello de Cambados nos dous vindeiros cursos escolares, como mínimo, o mesmo profesorado co que contou no curso 2020-2021, ante a decisión do Goberno do PP de suprimir dous postos docentes no CEIP de Corvillón e na EEI A Pastora e terlle comunicado ás directivas dos IES Francisco Asorey e Ramón Cabanillas que o próximo curso contarán entre ámbolos dous centros con 9 docentes menos que no curso que vén de rematar.
Así o explica a deputada nacionalista Montserrat Prado, quen cualifica de “inaceptables” estes recortes, toda vez que o curso escolar que vai comezar estará condicionado por segunda vez pola pandemia orixinada pola COVID19, unha situación que, segundo recalca, “debería supor un reforzo do profesorado e persoal non docente nos centros educativos e non recortes”.
Para Prado, a experiencia destes meses de pandemia ten demostrado o papel fundamental do sistema educativo e a idoneidade do ensino presencial, “sempre que se garantan as medidas de protección”.
“Por iso -explica a deputada nacionalista- demandamos da Xunta que manteña no concello de Cambados nos dous vindeiros cursos escolares, como mínimo, o mesmo profesorado que contaron no curso 2020-2021, pero tamén que proceda a reducir de xeito progresivo o número de alumnos e alumnas por aula en todos os niveis educativos”.
Esta redución progresiva permitirá ao profesorado proceder a unha atención máis individualizada do alumnado, atendendo ás súas especificidades e, por tanto, prestar unha mellor calidade educativa.
Por último, Prado insta tamén ao Goberno galego a tomar medidas para que non se produza unha discriminación en canto a tramos horarios no alumnado dos mesmos niveis educativos “polo feito de estar escolarizado en diferentes centros”.