Parlamento Galego

O BNG reclama á Xunta os 32 expedientes abertos a residencias de maiores pola xestión da pandemia

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Rodil tamén propón que os cribados se estendan aos centros de menores e ao persoal do Servizo de axuda no fogar que traballa con persoas de risco

Despois que o PP pechase a posibilidade de que o Parlamento investigase as consecuencias da pandemia nas residencias, o BNG solicita ao Goberno de Feixóo que remita á Cámara toda a documentación correspondente aos 32 expedientes abertos a outras tantas residencias da terceira idade por supostas irregularidades na xestión do virus.

Así o demandou a viceportavoz, Olalla Rodil, en aras do necesario control parlamentario ante unha Xunta que non facilita datos desagregados e que está máis cómoda na opacidade que na transparencia na información sobre a COVID19. A moción que defendeu na súa intervención tamén propoñía ampliar os cribados que se están a levar a cabo, de tal xeito que non se limiten ás residencias senón que tamén inclúan aos centros de menores e a todo o persoal do Servizo de axuda no fogar (SAF).

“O persoal do SAF, cunhas condicións de traballo precarias, e tamén persoal sociosanitario, atende a persoas dependentes de alto risco nas súas casas e, por tanto, están expostas ao virus”, argumentou Rodil, e por iso “a proposta que defendemos inclúe medidas na prevención e na investigación para que a Xunta actúe con anticipación, con previsión e non agarde a tomar decisións cando os gromos están fóra de control”, salientou Rodil, ante un PP que anunciou o seu voto negativo a moción nacionalista.

En aras da transparencia, a deputada do BNG tamén demandou que a información chegue ao conxunto da cidadanía e ás familias das persoas usuarias que piden datos individualizadas de contaxios, probas realizadas e persoas falecidas nos centros onde residen os seus familiares. Igualmente, e para evitar os erros da primeira onda nas residencias de maiores, o Bloque insiste en que a Administración interveñan todos os centros da terceira idade.

“Non é de recibo que só se actúe cando nunha residencia hai 137 persoas contaxiadas como aconteceu na Residencia dos Gozos en Pereiro de Aguiar por citar un dos casos máis recentes, un centro que hoxe xa suma 160 contaxios”, alegou, “porque sabemos cales son as consecuencias de non actuar, de non anticiparse, porque estamos a falar de persoas extremadamente vulnerables ao virus”.

Por iso, recalcou, a Xunta ten que intervir todas as residencias privadas para garantir que se está a cumprir escrupulosamente os protocolos, que contan co persoal e o material necesario para atender as persoas usuarias. “Todo o vivido ten que levarnos a unha profunda reflexión sobre o modelo de coidados, sobre o conxunto dos servizos sociais, e tamén de residencias que requiren un profundo cambio de rumbo”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG