O BNG propón unha tarxeta transfronteiriza para a veciñanza dos concellos da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal

Baixo Miño
Baixo Miño

Ana Pontón: “Hai que aprender dos erros e anticiparse con medidas que eviten penalizar á veciñanza e a actividade económica e social”

O fondo COVID19 europeo debe financiar a mellora do eixo ferroviario Vigo-Porto, sinala o Bloque tras o cumio municipal do Baixo Miño

O peche de pasos fronteirizos provocou unha gran impacto no ámbito económico e social dos concellos de ambos lados do Miño nos pasos da comarca do Baixo Miño con Portugal, en base a decisións adoptadas polos gobernos de Madrid e Lisboa durante a primeira onda COVID19 que obrigaron a milleiros de traballadores e traballadoras a facer longos percorridos e a perder moito tempo para poder desprazarse na eurorrexión, incluso por motivos laborais.

Esta foi unha das cuestións analizada no cumio municipal que xuntou en Tomiño á  portavoz nacional, Ana Pontón, e a todos os alcaldes, alcaldesas e responsables municipais dos concellos do Baixo Miño coa participación da alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a do Rosal, Ánxela Callís; o rexedor das Neves,  Xosé Méndez; o portavoz municipal de Tui, Xosé Martínez; da Guarda, Anxo Baz, e de Salvaterra de Miño, Patricia Mariño. Igualmente, o deputado provincial, Uxío Benítez e os parlamentarios por Pontevedra, Luís Bará e Manuel Lourenzo.

Baixo MiñoAprender dos erros e anticiparse ante unha nova onda é clave e por iso, o BNG formula propostas concretas como habilitar unha tarxeta transfronteiriza para a veciñanza desta eurorrexión.

“Ogallá que os pasos fronteirizos non teñan que volver pecharse por un gromo da pandemia, -alegou Pontón tras o encontro-, pero é importante aprender dos erros para  non repetilos ante unha eventual restrición da mobilidade e para iso é necesario ter previsión e anticipación”.

“A maneira de evitar que, ante un segundo peche da fronteira que se dane dobremente á economía e a actividade social e se prexudique ás persoas é atender as demandas dos concellos de habilitar unha tarxeta transfronteiriza que permita que, en caso de peche da fronteira pola COVID, haxa garantías de que se pode seguir coa actividade económica para non gravar dobremente á veciñanza e aos territorios. Imos levar a proposta ao Parlamento”, avanzou Pontón.

Igualmente, e de cara ao futuro, o Bloque considera urxente atender as necesidades dun territorio cun enorme potencial pero con evidentes carencias, en particular nas infraestruturas ferroviarias. Neste sentido, “propoñemos que o fondo COVID europeo dotado con 140.000 millóns de euros sexa tamén utilizado para financiar a mellora das infraestruturas e impulsar o eixo ferroviario Vigo-Porto como elemento que dinamice económica e socialmente esta eurorrexión que ten tanto potencial”, indicou a portavoz nacional.

“É un proxecto estratéxico e temos que aproveitar esta crise para xerar novas oportunidades para esta área transfronteiriza e nese sentido imos traballar tanto desde o Parlamento como desde o Congreso e desde Bruxelas para impulsar estes proxectos estratéxicos que axuden ao desenvolvemento económico, a creación de emprego e faciliten unha mobilidade máis sostible”, concluíu.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG