A portavoz nacional, Ana Pontón, utilizou a sesión de control ao presidente da Xunta para asegurar que hai solución para ALCOA se hai vontade política para evitar o peche, e esa solución política pasa por ter un marco enerxético estable e competitivo que permita a Galiza beneficiarse de ser produtora neta de electricidade.
A líder nacionalista instou ao xefe do Executivo “a deixar a posición inútil de buscar responsables e a traballar para buscar solucións” creando unha mesa para negociar unha posición de país que garanta a continuidade da factoría. “Non se equivoque de inimigo, o BNG ven coa man tendida para conformar unha posición de país que defender ante Madrid”, salientou Pontón, ao tempo que avanzaba as proposta do Bloque.
En primeiro lugar retirada do ERE de extinción, “porque con esa ameaza non se negocia”. En segundo lugar, “garantir a produción e o emprego da fábrica da Coruña, con ou sen ALCOA”. Por iso, o BNG propón que se a multinacional persiste no ERE se proceda ao rescate da empresa para o sector público a través da SEPI, “é legal, é necesario”, salientou Pontón, instando a Feixóo a defender esta proposta na reunión que vai manter coa ministra de Transición Ecolóxica e Medioambiente.
“Que pasa se a multinacional persiste no ERE, vai defender o rescate ou non?”, interpelaba Pontón a Feixóo, lembrándolle o rescate da banca, -por 60.000 millóns de euros-, ou o rescate das radiais madrileñas, -por 4.000 millóns de euros-, por parte do Goberno de Raxoi, “vai pedir o rescate de ALCOA?”, reiterou.
E, como terceira proposta, poñer en marcha unha nova política enerxética, que garanta un marco estábel e competitivo para o sector industrial, que inclúa unha tarifa industrial para as empresas electrointensivas similar á que existe nos países do entorno. No caso de Galiza, esa tarifa industrial debe incluír unha rebaixa nas peaxes para compensar os custes sociais e ambientais que soporta o país por ser produtor de electricidade.
“Evidentemente, esta tarifa industrial debe ir vinculada o mantemento do emprego, a modernización das instalacións e a posta en marcha de plans industriais por parte das empresas beneficiarias”, explicou Pontón. “É indignante que nunha Galiza que produce electricidade a esgalla teñamos pobreza enerxética e 400 empregos na picota polo prezo da enerxía, como é indignante que o Goberno galego non teña a valentía de defender propostas para reducir a factura eléctrica”, salientou a dirixente do Bloque.
A portavoz do Bloque trasladou o apoio da forza nacionalista aos traballadores e traballadoras, “agora en pé de guerra porque é impresentábel que unha multinacional pense que pode vir aquí espremer unha fábrica que era pública, espremer os seus traballadores e traballadoras e despois de gañar millóns de euros, colgar o cartel de pechado cun ERE ilegal e deixar tiradas a centos de familias”, concluíu.