O deputado do BNG, Iago Tabarés defendeu unha proposición non de lei para mellorar a organización do Instituto de Medicina Legal de Galiza, incrementado o persoal estable e abandonando a “externalización” dun servizo destinado ao asesoramento dos órganos xudiciais.
Esta demanda, explicou o parlamentario do BNG, non é a primeira vez que a formulamos na Cámara galega e conta co apoio de operadores xurídicos , organizacións sindicais, colectivos sociais e o propio Presidente do Tribunal de Xustiza pronunciándose a favor de resolver as necesidades estruturais por considerar que a situación do Imelga “non é unha cuestión puntual”, e a solución non pode vir da man de “máis horas extras, prolongacións de xornadas nin a externalización”.
As demoras na emisión de informes, engadiu o deputado nacionalista, “ralentizan, nalgúns casos en máis de 18 meses” e prexudican gravemente ás persoas máis vulnerables.
Os medios materias e cadro de persoal son insuficientes
Na súa intervención, Tabarés lembrou que o Imelga, creado no ano 2005 presta atención técnica a fiscalías e órganos xudiciais e dende o ano 2015, tamén a particulares lesionados en accidentes de circulación. Os seus informes técnicos resultan de gran valor e imparcialidade fronte aos pareceres das partes procesuais. Ao seu xuízo, a perda desa independencia coa “externalización e subcontratación” condicionaría a súa funcionalidade.
Por outra parte, explicou que a patoloxía forense está vinculada ao ámbito penal coa valoración da orixe e causa das lesións e do seu alcance para determinar a posible existencia de delito e as súas consecuencias ao igual que no ámbito civil para determinar a capacidade das persoas, e sobre a adopción de medidas complementares que suplan as limitacións detectadas como a determinación da idade, emisión de informes psicosociais (psicologas e traballadoras sociais) en materia de familia e sobre medidas de garda e custodia. Un novo ámbito que tamén incrementa a carga de traballo.
Para cumprir esas funcións, á marxe da organización administrativa, as traballadoras do imelga teñen que: realizar un recoñecemento e seguimento das persoas e, en moitos casos, da súa contorna para elaborar o informe técnico.
Rueda propuxo cunha “solución parche” que se mantén no tempo
No ano 2017, a elevada entrada de asuntos e demora na emisión de informes provocou o colapso dos Xulgados de familia de Galiza, ante o que a Xunta acordou a ampliación do cadro do persoal de psicólogas e traballadoras sociais, pasando de 20 a 34. Un incremento importante pero “insuficiente” e Alfonso Rueda, nas súas función de conselleiro, asinou un convenio cos colexios de psicoloxía e tTaballo social, a externalización da emisión de informes psicosociais. Esta medida, explicou o nacionalista, foi rexeitada polas organización sindicais, operadores xurídicos e mesmo colectivos de psicólogos, porque “desnaturalizaba” a funcionalidade do Imelga.
Dende o 2017 ao 2022, o cadro de persoal apenas variou, “existe o mesmo número de psicólogas, traballadoras sociais, funcionarias dos corpos xerais e auxiliares de autopsias, con só o aumento dunha praza de forense” e non foi reforzado a pesar do pacto de Estado contra a violencia de xénero que “obriga a dotar de maiores equipos psicosociais” para que xuíces e xuízas podan contar cos pertinente informes evitando o colapso nos xulgados.
Tras a intervención da portavoz popular, Marisol Monteira que xustificou o aumento de asuntos por novas ámbitos sobre os que debe intervir o organismo, o parlamentario do BNG, Iago Tabarés reiterou que a “carga de traballo é inasumible” e se o PP persiste en manter a externalización do servizo “acabará cargándose o Imelga”, vatizounou.