Parlamento Europeo

BNG promove a presenza de Galiza no Intergrupo de Linguas do Parlamento Europeo

Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
Ana Miranda: “Imos debater un tema de tanta transcendencia como a pluralidade lingüística na lei audiovisual e a súa repercusión no sector galego”

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, impulsa o debate sobre a pluralidade lingüística no sector audiovisual galego na vindeira sesión do Intergrupo de Linguas da Eurocámara, que se celebrará este xoves, 20 de abril en Estrasburgo. “Pese a que un dos obxectivos da Directiva Audiovisual da UE é garantir a pluralidade lingüística, vemos como en Galiza non está garantida a igualdade”, salienta Miranda.

Para debater esta cuestión, na xornada do Intergrupo participarán Marcos Maceira, presidente da Mesa Galega pola Normalización Lingüística; Xosé Lois Ledo Andión, vicepresidente da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI); e Soliña Barreiro, en representación do Grupo de Estudos audiovisuais da USC.

O Intergrupo de Linguas do Parlamento Europeo, -integrado por eurodeputados e eurodeputadas de varios grupos da Eurocámara-, considera que o sector audiovisual debe ser un campo de acción estratéxico para calquera política que realmente busque a normalización das linguas e polo tanto trátase dun tema de gran transcendencia para o sector audiovisual galego.

O debate poderá seguirse a través do enlace https://ep.interactio.eu/9dnb-i66e-38lx.

Denuncia da situación do galego

A delegación galega, que será recibida pola eurodeputada do BNG e pola Alianza Libre Europea, -subgrupo parlamentar ao que pertence o Bloque na Eurocámara-, manterá tamén unha reunión de traballo coa eurodeputada da ALE Diana Riba. Riba é membro da Comisión de Educación e Cultura do PE e relatora polo grupo parlamentar da Directiva de Audiovisual europea.

A delegación trasladada desde Galiza, na que participa tamén a deputada do BNG Mercedes Queixas, manterá na fin da xornada un encontro co Secretariado de Linguas Minorizadas e Rexionais do Consello de Europa. Nesta reunión a delegación denunciará a situación na que se atopa a lingua galega, minorizada polo Goberno do PP, tal como xa foi recollido nos pasados informes, así como para trasladar novas recomendacións.


 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG