parlamento galego

BNG priorizará o desenvolvemento industrial, a mobilidade metropolitana e as infraestruturas na súa defensa de Ourense

Visita UNVI
Visita UNVI

Pontón propón unha Mesa pola Industria, desbloquear o plan de transporte metropolitano e crear a estación ferroviaria de mercadorías en San Cibrao

Primeira reunión do goberno alternativo do Bloque na cidade das Burgas con responsables municipais, locais e provinciais

A portavoz nacional visita a fábrica de vehículos industriais UNVI e as instalacións de Aixiña, empresa referencial no ámbito da economía social

A portavoz nacional, Ana Pontón, reafirmou o compromiso do BNG na defensa de Ourense que sintetizou con propostas concretas en materia de industria, infraestruturas e mobilidade, tres ámbitos que considerou prioritarios para o desenvolvemento da cidade e do conxunto da provincia.

Así o avanzou logo da primeira reunión do goberno alternativo co que o Bloque dará réplica ao Executivo do PP -unha fórmula inspirada nos gabinetes na sombra da tradición parlamentaria inglesa- que desenvolveu o seu primeiro encontro de traballo na capital das Burgas con responsables municipais, locais e provinciais.

“Queriamos que a primeira visita fose a Ourense porque este País precisa políticas de reequilibrio territorial e frear a tendencia dos últimos anos de abandono e falta de investimentos”, explicou para exemplificar nesta primeira reunión do goberno alternativo o “compromiso do BNG con Ourense”.

Un compromiso que concretou nunha axenda propia asentada sobre dous piares fundamentais: “o desenvolvemento económico e o impulso industrial” e a posta en marcha de “políticas públicas de benestar que melloren a calidade de vida” das persoas.

Visita Ourense
Visita Ourense

No marco desta aposta polo desenvolvemento industrial e o apoio ao tecido económico existente, Pontón avanzou que a formación nacionalista promoverá no Parlamento galego a creación da Mesa pola Industria de Ourense, unha ferramenta para desenvolver “unha folla de ruta para o futuro industrial” e que integre a todas as administracións e a todos os actores implicados.

“É básico que haxa esa aposta na que claramente hai que incrementar o solo empresarial da provincia”, afondou para defender a continuación o impulso de sectores estratéxicos que “xa teñen un determinado potencial na actualidade”.

A líder nacionalista apuntou ás infraestruturas, tanto viarias como ferroviarias, como segunda gran prioridade e, neste sentido, defendeu a mellora do acceso ao polígono de San Cibrao dende a A-52 e que este parque industrial teña unha estación ferroviaria de mercadorías, unha proposta esta última que “ten o respaldo unánime da sociedade ourensá, pero que dende as administracións non se atende”. 

Por último, avogou por avanzar na mobilidade e na conexión por transporte público, empezando por que “dunha vez por todas, se desbloquee o transporte metropolitano”. “Estamos en 2024 e non podemos seguir permitindo que un dos maiores polígonos como é o de San Cibrao non teña transporte público”, exemplificou para referirse ás 9.000 persoas que se desprazan diariamente dende a cidade a este gran polo industrial.  

UNVI e Aixiña, dous exemplos do potencial ourensán

Previamente, Pontón visitou a factoría de UNVI, empresa especializada na fabricación e equipamento de autobuses que aposta pola mobilidade eléctrica e por fomentar unha mobilidade que ten en conta o cambio climático.

“UNVI demostra como desde Ourense se pode desenvolver tecnoloxía punteira e unha nova mobilidade que aposte por autobuses eléctricos”, afirmou sobre esta compañía situada precisamente no parque empresarial de San Cibrao das Viñas.

A líder nacionalista tamén coñeceu de primeira man as instalacións de Aixiña, unha empresa de iniciativa social e sen ánimo de lucro que considerou un “referente” no ámbito da economía social, no que leva “máis de 50 anos traballando polas persoas que teñen menos oportunidades”.

Pontón indicou que precisamente a da economía social é outra das áreas que o BNG quere impulsar, apostando por exemplo por incrementar a reserva de contratos que teñen este tipo de entidades, moi especialmente as que son sen ánimo de lucro.

Finalmente tamén adiantou que o Bloque defenderá a posta en marcha “no menor tempo posible” do centro para a atención ás persoas con discapacidade e que se garanta ademais que “vaia ter unha xestión cen por cen pública”.

Coa posta en marcha de todas estas propostas e iniciativas, a formación nacionalista quere impulsar unha axenda ourensá que considera fundamental para rematar coa discriminación que padece Ourense dende hai anos. “Queremos ser ese goberno alternativo que mire por Ourense, que poña propostas sobre a mesa propostas e que teña unha folla de ruta clara”, concluíu.   
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG