O BNG presenta corenta propostas para que Galiza conte con máis poder político e benestar social

Ana Pontón e Olalla Rodil
Ana Pontón e Olalla Rodil

As propostas buscan crear emprego, igualdade, priorizar a loita contra a violencia de xénero e unha Galiza que permita aos mozos e mozas mirar con esperanza o futuro

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e a viceportavoz do grupo parlamentar, Olalla Rodil presentaron as propostas as corenta propostas de resolución ao Debate do Estado da Nación,  distribuídas en seis grandes bloques para que Galiza conte con “máis poder político e benestar social”.

Pontón afirmou que as propostas condensan as ideas para mudar o rumbo e construír unha Galiza máis igualitaria. Neste sentido, avanzou que o BNG agarda que o Debate do Estado da Nación sexa “útil” e  prosperen unhas propostas de resolución para cambiar, de maneira real, “as condicións de vida das persoas”.

O PARTIDO POPULAR DEBE CAMBIAR O GUIÓN

Para a portavoz nacional do BNG, o PP non debe repetir a posición de anos anteriores aprobando exclusivamente as súas propostas polo que pediu “diálogo” e poñer en marcha as propostas do BNG porque parten, afirmou,  da defensa “doutra Galiza posible” cunha grande capacidade e potencialidade desaproveitada polo goberno de Feixóo. Temos que conquistar “máis poder político e económico para mellorar as condicións da xente”, insistiu a nacionalista.

PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN DO BNG

O BNG proporá ao resto dos grupos unha  “ponencia” para un “novo marco político”, porque Galiza, explicou a portavoz,   é unha nación e ten dereito a decidir o seu futuro no redeseño do Estado.

A transferencia e rescate da autoestrada AP-9, unha tarifa eléctrica galega, un sistema de financiamento xusto cun concerto económico para recadar “nunha facenda galega todos os impostos” e  reivindicou “unha axenda galega ante o Estado” que implique  un cambio na estratexia de Feixóo, unha estratexia, dixo,  que conduciu a Galiza á “irrelevancia política”.

Ademais o BNG aborda un bloque social que priorice a loita contra a violencia de xénero destinando “o 1% dos recursos da Xunta”. No ámbito dos servizos públicos salientou o Plan de mellora na Atención primaria, “unha auditoría” no centro sanitario vigués Povisa e introducir melloras na dependencia e na prestación da RISGA.

Resulta básico, recalcou Pontón, “frear os recortes” polo que reclamou 186 M€ que debe o Estado a Galiza en materia de dependencia, mellorar as situacións do PACs, e incrementar o número de pediatras, médicos e médicas.

NOVO MODELO PRODUTIVO

As propostas de resolución do BNG neste ámbito buscan frear a emigración baixo dous  eixos: destinar o 2,5% do PIB ata o ano 2020 para poñer a Galiza na senda da innovación e unha  política industrial contra as deslocalizacións de empresas. Non aceptamos, que Feixóo defenda o Xacobeo 21  como  “milagre económico” porque estamos no ano 2018 e Galiza precisa unha aposta sería pola industria, “o apóstolo Santiago non vai solucionar os problemas do noso país”, ironizou a portavoz

CALIDADE DEMOCRÁTICA

A CRTVG, asegurou Pontón  non pode seguir exercendo de “gabinete de  prensa do Partido popular” polo que propuxo “un pacto de país” para rematar cos nomeamentos a dedo da RTVG creando os consellos de redacción e estatuto profesional. Queremos uns medios públicos “veraces, independentes e que falen da Galiza real”.

 Por outra parte, o BNG tamén propón que a Xunta inicie un dialogo para adquirir a  Derradeira lección do Mestre para formar parte do patrimonio galego. Esta proposta, dixo Pontón “repararía a memoria de Castelao e o recoñecemento a Bóveda que entregou a súa vida por este país”.

A nacionalista  rexeitou a “involución democrática” baseada na lei mordaza, persecución da liberdade de expresión e “ privilexios da monarquía”. Pontón anunciou que o BNG defenderá  “investigar á Casa Real” e concretamente as declaracións sobre o Rei emérito, o seu patrimonio e  posibles mordidas  como a do AVE é Meca. A Casa Real, “non pode estar por riba da lei”, concluíu.

Pola súa parte, a viceportavoz do grupo parlamentar, Olalla Rodil  salientou que o Debate do Estado da Nación debe ser “útil” e nesa liña van as propostas do BNG, entre as que destacou: unha fiscalizade máis xusta para dotarnos de máis recursos, gravando ás rendas máis altas e creando un imposto para as grandes superficies comerciais,  bebidas azucaradas e  vivendas baleiras.

Asemade, engadiu que é necesario sacar a ENCE da Ría de Pontevedra e intervir no tren de proximidade e xa no aspecto máis  social, incrementar en cen euros as pensións non contributivas, con “40 millóns de euros nun orzamento de 9.000”, reformular a RISGA cun salario de inclusión social, 8.000 prazas en escolas infantís en tres anos, restituír o cadro docente recortado durante estes anos,   incrementar en 30 M€ o plan  de financiamento do sistema universitario galego e triplicar as contías das bolsas universitarias.

Rodil concluíu reclamando a reformulación da Axencia galega de Investigación como recolle unha das propostas de resolución do BNG. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG