congreso

BNG pregunta ao Goberno sobre o estado das obras do viaduto de Tremor na A-6 e pide axilidade

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego defende a necesidade de desenvolver un proxecto integral de reparación da autovía A-6 ao seu paso por Lugo

Ante a Secretaria Xeral de Transporte Terrestre, Rego urxe rematar as obras no viaduto do Castro da A-6, no sentido A Coruña, e pór en funcionamento a vía tal e como está recollido no Acordo de Investidura

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pregunta ao Goberno sobre as actuacións que está a realizar no viaduto da A-6 en Tremor e solicita a implicación do Goberno para rematar o viaduto do Castro, así como un proxecto integral de reparación da A-6 en Lugo ante os graves problemas de seguranza viaria. Durante a Comisión de Transportes da cámara baixa, Rego interpela á Secretaria Xeral de Transporte Terrestre.

Néstor Rego lembra que, após o colapso do viaduto da A-6 no Castro, o BNG reclamou unha auditoría de todas as infraestruturas desta autovía e, especialmente, dos viadutos co mesmo proceso construtivo. Neste sentido, a frente nacionalista conseguiu o compromiso do Goberno e desenvolvéronse actuacións na A-52, nos viadutos de Allariz e A Valenzá, e no viaduto de Tremor da A-6.

“O Ministerio de Transportes anunciou que comezaban as actuacións no viaduto de Tremor porque detectaron corrosión e, co procedente existente, o lóxico é que haxa unha actuación inmediata” sinala o deputado do BNG. Néstor Rego interésase polo estado das obras de reparación, que se están a desenvolver segundo a Secretaria Xeral de Transporte Terrestre, e o compromiso do Goberno para rematar, canto antes as obras mentres se está “auscultando”.

Paralelamente, o deputado do BNG pediu á Secretaria Xeral que se cumpra o acordo asinado coa formación nacionalista para rematar as obras no viaduto do Castro da A-6, no sentido A Coruña, e pór en funcionamento a vía.

“O Goberno ten que desenvolver un proxecto integral de reparación desta autovía, da A-6, ante as numerosas protestas na Galiza, especialmente en Lugo polo estado do firme nesa vía” sentenza Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG