BNG pon en marcha un consello asesor para reforzar o seu programa de goberno co que Galiza afronte os grandes retos de futuro

Reunión consello asesor
Reunión consello asesor
Ana Pontón: "Imos presentar un programa ambicioso, transformador e realista que deseñe a Galiza das próximas décadas, mellore a vida das persoas e deixe atrás o declive dos gobernos do PP”

O BNG reuniu hoxe en Santiago por primeira vez o consello asesor co que reforzará a elaboración do seu programa de goberno, arrancando así a elaboración da súa alternativa programática de cara ás próximas eleccións galegas.

O consello asesor, centrado no ámbito económico, está integrado por un grupo de persoas expertas en distintas áreas de actuación e contribuirá á elaboración dun “ambicioso programa de transformacións económicas en liña cos grandes retos que temos como País en ámbitos como a innovación e a transformación tecnolóxica e industrial, a recuperación e xeración de máis valor engadido nos nosos sectores produtivos, a resposta á emerxencia climática, un modelo enerxético que poña a riqueza eléctrica deste País ao servizo da sociedade ou o desafío da axenda territorial, urbana e do desenvolvemento rural”.

Así o avanzou a portavoz nacional, Ana Pontón, nesta primeira reunión do consello asesor, na que agradeceu ás e aos seus integrantes o seu compromiso con Galiza para poder definir “con claridade, con ambición e con realismo o proxecto económico do futuro Goberno galego”.

Neste sentido, sinalou como unha das grandes prioridades do executivo que aspira a presidir a de “ser capaces de poñer Galiza a producir, de impulsar unha gran transformación económica que deixe atrás o declive que vive Galiza cos gobernos do PP”.

Un declive do que dan conta os datos oficiais e que exemplificou na perda de poboación en Galiza mentres aumenta no Estado, na continua emigración da mocidade -con 200.000 mozos e mozas que marcharon nestes 14 anos de goberno do PP por falta de oportunidades-, na perda de músculo industrial, cunha caída de trece puntos do Índice de Produción Industrial ou a destrución de máis de 21.000 empregos industriais.

A isto sumou unha taxa de investimento en 2022 de 6,5 puntos inferior á española e 10 puntos menos ca europea. “Esta tendencia mantense ao longo da última década e é unha proba evidente de que o goberno do PP non xera confianza entre o empresariado, que non está apostando por investir en Galiza”, afondou.

Pontón mostrouse convencida de que con políticas ambiciosas, realistas e viables, baseadas na confianza no País e nun novo proxecto económico, “podemos darlle a volta á situación” porque un contexto marcado polos cambios e as grandes transformacións en todo o sistema produtivo e tamén nas propias relacións internacionais “non pode enfrontarse cun goberno instalado na rutina, a propaganda e a desidia”.

“Necesitamos un goberno que veña con ganas de darlle o mellor a este País, que sexa capaz de poñer en marcha as grandes transformacións deste tempo”, afirmou para sinalar a continuación ás próximas eleccións galegas como o reto máis importante que ten por diante o BNG nas últimas décadas porque ten “máis cerca que nunca a posibilidade de liderar o Goberno galego e impulsar unha ambiciosa axenda de transformacións en positivo”.

Pontón considerou fundamental acertar coas “diagnoses pensadas dende a nosa propia realidade” para “propoñerlle aos galegos e galegas as mellores solucións”, unha tarefa para que cre preciso “contar coas mellores cabezas, con persoas experimentadas e capaces, con intelixencia colectiva e con capacidade para construír desde o diálogo e desde o acordo”.

A líder nacionalista considerou “un luxo” contar coas persoas que integran o consello asesor, cun alto grao de cualificación, con experiencia de goberno en distintos eidos e cun coñecemento de ámbitos clave da economía galega. “Neste grupo de traballo hai especialistas no ámbito económico, desde o sector pesqueiro ao medio rural, pasando pola industrial, o turismo, a enerxía ou a innovación”, dixo, para subliñar tamén a presenza de persoas con experiencia de goberno que cre relevante á hora de presentar un programa que sexa “ambicioso, transformador e realista”.

Un proxecto transformador, realista e viable que vai máis alá das siglas

Neste sentido, agradeceulles que poñan todo o seu coñecemento ao servizo do País para contribuír na elaboración do programa e a proposta do BNG que “vai máis alá das siglas” porque representa un proxecto que quere deseñar “a Galiza das próximas décadas, un proxecto para que os galegos e as galegas recuperen o orgullo de País e miren con esperanza o presente e o futuro”.

Segundo a portavoz do Bloque, este proxecto estará “pegado á terra, con propostas transformadoras, realistas e viables para facer realidade un País novo e sobre todo, para mellorar a vida da xente” porque hoxe o BNG lidera en Galiza a alternativa ao PP e está en disposición de liderar “un cambio histórico, un cambio de ciclo que deixe atrás a resignación e a subordinación do PP e permita despregar o enorme potencial, capacidade e futuro que ten o noso País”.

Fronte á Galiza “en pequeno e en declive” que deixa o PP, Pontón apostou por poñer en pé un gran soño colectivo, a idea dunha Galiza viva, que confía en si mesma, que se fai valer, que aproveita ao seu favor os seus recursos e que ten vocación de avanzar na xustiza social, na modernización e no desenvolvemento económico”.

“Ese é o meu compromiso, liderar a posta en marcha do mellor goberno da historia deste País e conseguir, da man da maioría social, unha Galiza máis forte, máis viva, máis xusta, con futuro e benestar”, concluíu.  

RELACIÓN DAS PERSOAS QUE INTEGRAN O CONSELLO ASESOR

PRESIDENCIA: Ana Pontón

COORDINACIÓN: Olalla Rodil e Luís Bará

INTEGRANTES:

  • Edelmiro López Iglesias, xefe do departamento de Economía Aplicada da USC. Foi director do Instituto para o Desenvolvemento Económico de Galiza (IDEGA).
  • Teresa Táboas Veleiro, arquitecta. Exconselleira de Vivenda (2005-2009).
  • Nieves R. Brisaboa, catedrática de linguaxes e sistemas informáticos da UDC. Investigadora principal do Laboratorio de Bases de Datos, adscrito ao CITIC.
  • Salustiano Mato, exreitor da UVigo, vicepresidente adxunto da CRUE. Foi director xeral de Investigación e Innovación da Xunta (2005-2009).
  • Dolores Puga, científica do Instituto de Economía, Geografía y Demografía (CSIC). Integrante do Grupo de Investigación sobre Envellecemento.
  • Montse Valcárcel, profesora de enxeñaría agroforestal da USC. Ex vicerreitora do Campus de Lugo.
  • Mar Pérez Fra, profesora do departamento de Economía Aplicada da USC. Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria.
  • Marcelino Fernández Mallo, economista. Con experiencia como consultor independente en sectores como o da automoción, o téxtil, o da alimentación ou o das TIC.
  • María do Carme García Negro, profesora do departamento de Economía Aplicada da USC. Directora do grupo de investigación de Economía Pesqueira.
  • Bernardo Valdés, profesor do departamento de Economía Aplicada da USC. Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria.
  • Xosé Manuel Carril Vázquez, profesor de Dereito do Traballo e Seguridade Social da UDC.
  • Valerià Paül Carril, profesor do departamento de Xeografía da USC. Experto en ordenación do territorio.
  • Rubén Cela Díaz, economista. Experto en consultoría estratéxica e consultoría TIC.
  • Eva González Pérez, enxeñeira. Xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural Limia Arnoia.
  • Rubén Lois, catedrático de Análise Rexional da USC. Exdirector xeral de Turismo (2005- 2009).
  • Alfredo Suárez Canal, exconselleiro de Medio Rural (2005-2009).
  • Enrique da Silva, experto en enerxías.
  • Xosé Manuel Puga González, técnico xestor de fondos europeos.
  • Francisco Pedras, técnico de GAIN-CIS Madeira. Experto en Bioeconomía.

Tamén forman parte do Consello Asesor as seguintes persoas con grande experiencia e responsabilidades de goberno no ámbito local:

  • Cristina Cid Fernández, alcaldesa de Allariz.
  • César Mosquera, concelleiro en Pontevedra e expresidente da Deputación de Pontevedra.
  • Carme da Silva, concelleira en Pontevedra e senadora.
  • Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal.
  • Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG