parlamento galego

BNG pide á Xunta un protocolo de actuación para as tripulacións confinadas a bordo, logo do caso do “Venturer”

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez lémbralle que a comunicación co barco e a información ás familias é, máis alá de competencias, “unha cuestión humanitaria”

BNG levou ao Parlamento galego o caso do buque “Venturer” -confinado en Salvador de Bahía durante un mes por un gromo de COVID cando ía rumbo ás Illas Malvinas- e instou á Xunta a activar, de acordo co sector e coas autoridades sanitarias, un protocolo que permita a partir de agora protexer ás e aos tripulantes a bordo de barcos afectados por coronavirus e prestarlles o soporte que precisen tanto a eles como as súas familias.

“A vostede parécelle normal que a estas alturas non teñamos un protocolo de actuación entre as distintas Administracións que teñen competencias en casos coma este?”, cuestionou a deputada Rosana Pérez á directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda, nunha pregunta en comisión parlamentaria.

Logo de que a directora xeral se escudase no marco competencial para xustificar a actuación do Executivo galego ante a situación vivida no “Venturer”, Pérez advertiu de que a comunicación coas tripulacións e a información ás familias “máis alá de competencias, é unha cuestión humanitaria” e instou á Consellería de Pesca a extraer conclusións deste caso para articular un protocolo de actuación que evite no futuro situacións similares.   

“A comunicación con tripulacións e familias é fundamental para que tanto os que están na mar como os que están en terra saiban que detrás teñen á Xunta e que van contar co seu apoio para todo o que faga falta”, recalcou, para a continuación incidir en que, se durante a evolución dos acontecementos, a capacidade de actuación é finalmente do Estado, a Administración galega deberá facer “todo o posible para que se solucione o que corresponde a esas competencias estatais”.    

A portavoz nacionalista de Pesca afeou ao Executivo de Feixóo que foran as propias familias as que contactaran primeiro co Consulado: “a nós isto non nos parece razoable; o razoable é que a Administración galega teña coñecemento do que está pasando e inmediatamente se poña en contacto con tripulación e familias para mostrar o seu apoio e realizar todas as xestións e todo o que permite a lexislación para dar resposta a unha situación tan difícil como a vivida”, recalcou. “Preguntámonos se non é posible que a Xunta dea un paso previo ao debate das competencias”, inquiriu.

De igual xeito, Pérez preguntou á directora xeral sobre a fiabilidade dos test COVID realizados ás tripulacións antes de embarcar. “Non lle parece estraño que a tripulación do ‘Venture’ tivera feito as probas antes de zarpar e en teoría todos os seus membros saen á mar libres de COVID e logo dan positivo en alta mar?”, cuestionou.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG