O BNG pide á Xunta que investigue a fundación “Cripri Gomes” por non cumprir as obrigas da subvención de fondos europeos

Noa Presas  afirmou que a  cesión  “irregular” do antigo instituto á Fundación privada, Cipri Gomes, por 30 anos,  representa “unha privatización encuberta” e reclama investigar o uso da subvención do   Progama europeo Leader para o desenvolvemento rural

A deputada do BNG, Noa Presas formulou hoxe unha pregunta ao goberno na Comisión de Economía sobre as condicións de cesión e uso da Fundación privada “Cipri Gomes” do antigo instituto de Viana do Bolo e o uso da subvención de fondos europeos para  desenvolvemento rural. Para a parlamentaria do BNG, a “Xunta debe investigar as actuacións de Fundación, con independencia do proceso iniciado pola Fiscalía”.

Presas volveu preguntar ao director de Agader, Miguel  Pérez Dubois, sobre a actual situación tras o compromiso da Xunta e iniciar  “unha auditoría propia”, sen embargo agora, criticou, parece que a Xunta quere agardar polas conclusións da investigación aberta pola Fiscalía. Para a deputada, con independencia do proceso xudicial, a poboación de Viana do Bolo merece unha explicación  porque a  falta de uso  das  instalación e as actuacións subvencionadas non xustificadas  pode  implicar a reversión da concesión e o polo tanto, o  “retorno para a súa  xestión pública”.

Desde o respecto ás actuacións xudiciais recalcou Presas, o BNG  pide á Administración galega que non desatenda esta cuestión porque os  fondos europeos teñen prazos axustados de xustificación e Viana do Bolo non pode seguir esperando eternamente para recuperar unhas  instalacións  que foron cedidas con “escurantismo, falta de información financeira e falta de diálogo municipal por parte do anterior  goberno de Andrés Montesinos”. Esta concesión, por 30 anos, representa “unha privatización encuberta” da infraestrutura pública, reiterou a nacionalista.

Presas explicou que a Fundación "Cipri Gomes" foi beneficiaria de recursos económicos por un importe de 200.000 euros  procedente do programa Leader, que nace co obxectivo de descentralizar as políticas de desenvolvemento rural. Na actualidade, a Fundación non ten demostrado ningunha actuación que xustifique a subvención polo que, na súa opinión, é necesaria “unha auditoría” sobre as actuacións subvencionadas por un programa que constitúe un recurso potencialmente útil para unha poboación como a de Viana do Bolo,  con tantas necesidades.

Por este motivo, recalcou, o BNG trae ao Parlamento galego esta cuestión sobre a que seguiremos preguntando periodicamente para asegurar que a Xunta de Galiza toma as medidas necesarias e non fai “deixación das súas funcións” como leva facendo dende o ano 2012 e 2015. 
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG