O BNG insta á Xunta a por en marcha medidas para impedir a sobreexplotación das hidroeléctricas e “sancionar ás empresas responsables do baleirado dos encoros galegos, Iberdrola e Naturgy que aumentaron a súa produción hidroeléctrica co fin de vendela nun mercado que está a experimentar precios diarios históricos”.
O deputado do BNG, Iago Tabarés denuncia que nas pasadas semanas, en plena época estival - mesmo en momentos de estado de alerta por vaga de calor extremo- , as empresas hidroeléctricas desenvolveron unha intensa actividade en encoros da provincia de Ourense provocando o baleirado dos mesmos, reducíndoos a límites históricos. Faise realidade o dito popular “a cobiza non ten límites”.
Así, actualmente, diversos encoros da provincia de Ourense como o de Cenzo en Vilariño de Conso que está a un 15,09 % da súa capacidade, un 53,42% por baixo do seu promedio habitual, ou o de Portas, tamén no concello de Vilariño de Conso, a un 16,37%, que representa unha variación superior a un 60% sobre a media da súa capacidade ordinaria.
Tal situación de sobreexplotación hidrolóxica neste época estival, afirma o nacionalista, está a provocar que ríos como o Arenteiro, Arnoia ou Limia estean nun nivel que, o organismo de conca, cualifica como baixo; algo que tamén acontece no río Miño.
A capacidade doutros encoros, se ben non é tan alarmante, non deixa de ser preocupante toda vez que o estado actual da súa capacidade non chega ao 50% do seu promedio ordinario, como nos encoros de Albarellos ou Salas.
Ás consecuencias de tales accións empresariais, afirma Tabarés, hai que sumar importantísimas consecuencias sociais e medioambientais no territorio e na economía da zona como no encoro das Conchas, no concello de Muíños, obrigado a prohibir o baño dado nivel de contaminación por cianobacterias, debido á drástica redución do nivel de auga.
Tabarés lembra que recentemente, un alcalde dun municipio ourensán recoñecía que de continuar o baleirado do encoro do seu concello “consecuencia da cobiza da concesionaria da explotación hidroeléctrica para aproveitar os elevados prezos da electricidade” se impediría a práctica de actividades acuáticas como a vela, piragüismo, ou remo que constitúen un importante reclamo para atraer a turistas e visitantes ao concello.
A xuízo do deputado, “as actuacións das empresas hidroeléctricas buscando maiores rendementos económicos e aproveitándose dos desorbitados prezos da enerxía”, provocan un grave deterioro medioambiental, económico e social no territorio e na poboación, que unha vez máis constata como os recursos naturais están subordinados aos exclusivos intereses de empresas privadas, sen que conste actuación algunha por parte da Xunta de Galiza.
Tabarés remarca que a apertura dun expediente informativo debe ir acompañado de “sancións ás eléctricas responsables do baleirado dos encoros” por un aproveitamento da auga para aumentar os beneficios de Iberdrola e Naturgy.
Neste sentido, o nacionalista avanza que o BNG reclamara á Xunta adoptar as medidas oportunas para repoñer ou compensar os prexuízos medioambientais , económicos e sociais producidos polo baleriado dos encoros”.