O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas reclamou hoxe, a través dunha proposición non de lei, elaborar un “Plan de xestión do xabaril” con actuacións técnicas programadas, perspectiva ecoloxía e dinámica poboacional por comarcas e destinar recursos técnicos e económicos para impulsar prácticas de manexo preventivo do gando que coexiste co lobo.
Na defensa da iniciativa, Rivas reprochou ao goberno facer “política de parches” que achacou a “incapacidade” dos responsables políticos que non saben como enfrontar o problema do xabaril, pero hai, dixo, “persoas expertas” que poderían facer importantes achegas se non fora que o goberno prefire rodearse de “cazadores” e centrar a solución nas batidas, a pesar de saber que non “son a única solución”.
Rivas xustificou a urxencia da elaboración dun Plan para “poñer coto” á situación porque, na súa opinión, de non facelo, “a desesperación dos afectados pode levalos ao abandono parcial da súa actividade”.
Dende o BNG estamos a constatar “unha evolución brutal do problema” e lembrou que mesmo en explotacións con grandes medidas de seguridade non son eficaces contra o ataque do xabaril. As colleitas, explicou Rivas son “apalabradas” e se non se surten a determinadas cadeas de distribución. “os danos e as perdas son enormes”. O porco bravo vai primeiro ao millo do país pero tamén as patacas e outros produtos polo que é urxente un plan de xestión “científico” e abandonar as medidas centradas nas batidas porque son “medidas erráticas”.
Neste momento, advertiu o nacionalista, “o porco bravo é unha praga e está poñendo en perigo o futuro da labranza do noso país”.
Rivas denunciou que o número 112 para rexistrar as incidencias provocadas polo xabaril “non traslada a metade dos partes”, sobre todo, os que afectan a particulares e con pouca superficie.
O deputado reiterou que a alta poboación do xabaril representa un “grave problema” que necesita con urxencia ser abordado e ao que hai que destinar recursos. Rivas acusou ao Partido popular de utilizar o “corta e pega” de documentos doutros lugares con produtos, como o boniato, que non coinciden cos cultivos das explotacións galegas á hora de solicitar unha subvención polos danos do xabaril.
O parlamentario do BNG volveu pedir “sentido común” ao Partido popular e tomar en serio o grave problema dunha especie que está a destruír o traballo de miles de persoas.