O portavoz de Agricultura e Montes do BNG, Xosé Luís Rivas anunciou a presentación dunha batería de iniciativas para reclamar da Xunta a posta en marcha dun plan de Xestión do xabaril e abrir unha liña de axudas polos danos ocasionados ante os numerosos ataques da especie en diferentes cultivos.
Rivas manifestou que cada día increméntanse as demandas de gandeiros, agricultores e habitantes do rural afectados polos ataques do porco bravo ante a “explosión demográfica da especie” que busca comida e refuxio. Hai 25 anos, explicou o nacionalista, o porco bravo en Galiza era “anecdótico” pero agora, cun monte abandonado, unha superficie monoforestal e cultivos forraxeiros propician o refuxio idóneo e comida para xabaril.
O deputado recalcou que a especie está adaptada e aumentando a súa poboación con piaras matriarcais e femias con menos dun ano e 30 quilos de peso que procrean cinco individuos ao ano, circunstancia, ao seu entender, incrementada pola “presión cinexética”. Rivas denuncio que a administración utilice como único método para reducir a poboación do xabaril “as batidas” porque os datos confirman, segundo algúns zoólogos, que “as especies que soportan maior mortalidade tenden a aumentar a súa reprodución”.
NIN AXUDAS NIN TELÉFONO OPERATIVO PARA FORMULAR AS DEMANDAS
Desde o ano 2016, engadiu o deputado, “non existen axudas públicas” para os danos ocasionados polo xabaril nin tampouco “un teléfono operativo” na consellería para recoller as demandas das persoas afectadas. O dono dunha explotación cando chama a ese teléfono nunca acada unha resposta porque “non contesta”, afirmou o deputado.
O parlamentario tamén anunciou que o BNG presentará unha batería de iniciativas para abrir unha liña de axudas suficientes e que a Xunta se comprometa a poñer ao dispor dos afectados e afectadas varios teléfonos para recoller as reclamacións e comprobar os danos.
PLAN DE XESTIÓN DO XABARIL E AXUDAS CONTRA OS ATAQUES
Por outra parte, dixo, é necesario un plan de Xestión do xabaril porque no 2014 a Xunta anunciou ese plan apoiado por un estudo da Universidade de Vigo pero, “descoñecemos se foi realizado e aplicado e con que grado de cumprimento”. O único que sabemos con certeza é que o xabaril cando recibe batidas busca refuxio en zonas próximas casas e vías de comunicación o que incrementa os ataques cerca das casas e accidentes de tráfico.
O plan de Xestión do xabaril debe incluír estudos demográficos por comarcas e estratexias de actuación. Na actualidade a Xunta só autoriza batidas indiscriminadas cun gran número de animais mortos pero, a solución, reiterou Rivas non é “a escopeta e o lazo”. Ao ano morren por batidas 15.000 animais e a poboación non decrece, ao contrario.
No ano 2016 a Xunta tamén anunciou un plan de actuación global por un importe de 1 millón 300 mil euros contra os danos de porco bravo incluídos accidentes de tráfico, danos nos cultivos, información e formación, “nada sabemos deste plan nin a que se destinaron os cartos” porque o plan nin foi debatido nin publicado.
O parlamentario do BNG puxo o acento nas consecuencias das “batidas” sobre outras especies, mesmo en período de veda e insistiu en que a “escopeta e o lazo” non son solución.
A vindeira semana anunciou Xosé Luís Rivas, varios concellos do Norte de Galiza manterán unha reunión coas asociacións de agricultores e gandeiros para reclamar á Xunta “que faga algo” porque o problema, concluíu, “é moi grave”.