A través dunha pregunta parlamentaria, a deputada do BNG, Rosana Pérez pediu a “paralización cautelar” do parque eólico previsto no Monte da Pena para protexer a súa riqueza patrimonial e natural e contra a “ocupación abusiva” das empresas eléctricas.
A parlamentaria, explicou que nas comarcas da Barbanza e Muros-Noia xa están en funcionamento cerca de 400 aeroxeneradores cunha potencia de máis de 300 MW xerando enerxía para cubrir as necesidades de máis de 450.000 familias, “a metade das que existen en Galiza”.
Segundo os datos do Rexistro Eólico de Galiza, serán os concellos de Outes e Mazaricos os que soportarán “14 dos 9 parques previstos”. É dicir, nada menos que “9 de cada 10 muíños”.
De seren aprobados os proxectos dos novos parques eólicos, as 20 instalacións existentes se duplicarían a curto prazo e a potencia se multiplicaría por 3 con 114 muíños máis e cun tamaño e capacidade para xerar electricidade por riba de 6 veces en relación aos que funcionan na actualidade na comarca. Concretamente, no concello de Outes, dixo, os parques previstos, con moi pouca distancia entre si, converterían toda a zona, “nun mega parque eólico” cun falso fraccionamento nunha mesma área xeográfica e con liñas de evacuación e outras infraestruturas en común que facilitaría o procedemento de instalación, algúns deles “raiando o límite legal” e situándoos a escasos 500 metros de numerosas aldeas.
No pasado mes de xuño publicábase no DOG a Resolución da Declaración de Impacto Ambiental do parque eólico de Outes, nos concellos de Negreira e Outes, promovido pola empresa Norvento, S. L. Un parque eólico de 21 MW de potencia total e composto por 7 aeroxeneradores e toda a súa infraestrutura ao longo do Monte da Pena.
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural recoñece que no Monte da Pena existen elementos do patrimonio arqueolóxico e mesmo foi candidatado polo Concello de Outes como espazo natural protexido de interese local (ENIL), en base á súa importancia natural, histórica e paisaxística. No Monte da Pena , relatou a deputada do BNG, consérvanse sete mámoas e oito castros catalogados entre os concellos de Outes e Negreira.
Dende o punto de vista paisaxístico, engadiu a nacionalista, a súa elevación estratéxica permite ver as dúas marxes da ría de Muros e Noia, dende o Castro Baroña a Monte Louro. E por entre os montes do Confurco, en Lousame, a ría de Arousa e a Serra da Barbanza. Constitúe, pois, recalcou, “un recurso turístico de altísimo valor”, de gran valor cultural, patrimonial, arqueolóxico, histórico e paisaxístico que debería estar protexido. Neste sentido, a deputada do BNG, Rosana Pérez urxiu ao goberno á “paralización cautelar “ do parque eólico e protexer a “riqueza natural, cultural e paisaxística” do Monte da Pena.