A deputada do BNG, Rosana Pérez advertiu das consecuencias para o sector pesqueiro e marisqueo, dos proxectos eólicos de Iberdrola que invaden os marcos da activade pesqueira. A deputada reclamou a “retirada” dos proxectos e anunciou diversas iniciativas, no Congreso e Parlamento galego así como encontros cos sectores máis afectados para recoller as diferentes demandas contra o modelo eólico mariño do PP destinado a beneficiar “ás grandes empresas eléctricas” sen que a produción enerxética reverta en Galiza.
En comparecencia pública ante os medios de comunicación, a nacionalista explicou que o 26 de maio tivo lugar un pacto no Parlamento galgo entre PP e PSOE para “abrir a porta a implantación da eólica mariña na costa galega”, con este acordo, denunciou, a deputada, PP e PP rachaban o consenso político acadado na Cámara galega en maio do ano 2009. Hoxe, de feito, recalcou, o goberno do Estado dálle a razón ao BNG ao “suspender a presentación de todos os proxectos” de parques eólicos mariños até a elaboración dun novo marco normativo.
Por outra parte, Iberdrola solicitou o “alcance ambiental de dous parques eólicos mariños en Galiza” e o 7 de xuño saía á información pública o Real decreto polo que son aprobados os plans de ordenación do espazo marítimo, coñecidos como POEM, rematando hoxe o prazos de achegas.
Sobre o POEM anunciou que o BNG presentou alegacións para insistir en que o Plan refírese ao ámbito pesqueiro español sen recoller “a singularidade” do sector pesqueiro galego. Ao noso entender, dixo, o POEM “non avalía as particularidades da costa galega ambientalmente, recursos mariños e actividade pesqueira”, tamén reclamamos declarar “o litoral galego espazo non apto para a instalación de parques eólicos mariños”.Entre as alegación presentadas polo BNG ao POEM, figura o risco da seguridade mariña nas costas galegas e a contradición entre parques eólicos mariños e a activade acuícola galega. O documento tampouco recolle os efectos sobre o leito e especies de fondo, “nin respecta as competencias exclusivas sobre o sector pesqueiro e marisqueiro” porque unicamente se cingue á “lei de pesca do Estado”.
No caso de autorizar o denegar un proxecto de parque eólico no litoral galego, dende a liña de costa até a zona exclusiva económica, 200millas, esta autorización, aseverou a nacionalista, debe contar coa decisión da comunidade autónoma “porque temos competencias neste ámbito”.
IBERDROLA proxecta dous parques eólicos mariños de 490MW cada un
A nacionalista explicou que os parques proxectados por IBERDROLA conlevan liñas de evacuación e unha subestación en terra. Un parque en A Mariña e outro en Ortegal a 40 e 35 millas sen contemplar as servidumes. Dende o BNG, avanzou, presentaremos alegacións pero como primeira medida “reclamamos a retirada dos dous proxectos”.
IBERDROLA, recolle na documentación a “prohibición” da pesca na zona ocupada polos parques e no cableado de evacuación. Dende o BNG, recalcou a nacionalista, descoñecemos “as prebendas do PP a IBERDROLA” pero reiteramos o noso rexeitamento a un modelo eólico mariño, “a calquera prezo” e que responde exclusivamente a beneficiar ás grandes empresas eléctricas .
“Galiza é unha das principais potencias pesqueiras de Europa e non podemos consentir que todo ese potencial sexa utilizado polo Partido popular para regalárllelo ás eléctricas”.
Rosana Pérez avogou por un sector enerxético baixo control público e un sector pesqueiro prioritario e susceptible de desenvolver proxectos que redunden en beneficio galego accedendo aos fondos europeos pero o Partido popular, remarcou a deputada do BNG, “defende que as grandes empresas enerxéticas utilicen os fondos europeos para os seus proxectos”.
Ademais das iniciativas parlamentarias, o BNG iniciará unha campaña de información e mobilización nas comarcas costeiras galegas que se sumarán as reclamacións do propio sector pesqueiro galego para impedir “un novo atropelo” que nesta ocasión, recalcou, conta coa “conivencia do PP e PSOE”.